Ir o contido principal

Os principais axentes do sector das ciencias e tecnoloxías da vida aplicadas á saúde reúnense arredor de Campus Vida

Os principais axentes do sector das ciencias e tecnoloxías da vida aplicadas á saúde reuniranse este mércores 17 arredor do proxecto Campus Vida, co obxecto de establecer sinerxías entre os ámbitos académico, sanitario e industrial.
Á xuntanza, que comezará ás 10:00 horas no Centro de Estudos Avanzados, asisten representantes das principais empresas do sector biofarmacéutico de España como Zeltia, Faes Farma, Progenica, Advancell, Glaxo ou Ferrer, xuntos cos responsables dos complexos hospitalarios de Santiago, A Coruña e Vigo, os directores dos institutos de investigación biomédica de Galicia, responsables de I+D e do Servizo Galego de Saúde, entre outros.
O reitor Senén Barro recibirá aos asistentes nesta xornada para dar paso á vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, que presentará as claves de Campus Vida. Deseguido, o director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, Carlos Diéguez, falará sobre a integración e coordinación da investigación biomédica, ao que lle seguirá o director de Operacións de I+D de Laboratorios Esteve, Eduard Valentí, que exporá a experiencia de colaboración da súa empresa coa USC.
A xornada clausurarase coa intervención do director do Instituto de Investigacións Sanitarias IDIBAPS-Hospital Clinic e Premio Nacional de Investigación, Joan Rodés, que achegará a súa experiencia no marco da integración da innovación nos bioclústeres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2010.