Ir o contido principal

Os principais especialistas en Bioinorgánica do Estado asisten en Santiago á súa quinta Reunión Científica Bianual

O encontro desenvolverase a vindeira semana na Residencia Universitaria Monte da Condesa

Os principais especialistas en Bioinorgánica do Estado reuniranse en Santiago, a partir deste domingo 16, na 5ª Reunión Científica Bianual promovida pola Asociación Española de Bioinorgánica. A conferencia inaugural do evento, que se desenvolverá ata o día 19 coa discusión dun cento de comunicacións orais e escritas, corre a cargo do profesor compostelán Juan Carlos Mareque Rivas, actualmente no claustro da School of Chemistry da Universidade de Edimburgo.
A Bioinorgánica é unha nova disciplina con ampla repercusión no mundo científico nos últimos anos. Dedícase a analizar o papel biolóxico de certos elementos químicos, sobre todo metais, algúns dos cales forman parte, de seu, dos organismos vivos e xogan neles un papel bioquímico esencial. Tal é o caso do ferro, que participa no transporte do osíxeno nos mamíferos, pero tamén noutros innumerables procesos bioquímicos que ocorren practicamente en todos os seres vivos.
A Bioinorgánica interésase tamén polos metais que son tóxicos, co fin de aportar estratexias para remediar os seus efectos. Neste caso, o chumbo, amplamente distribuído na sociedade actual, é unha boa mostra “dada a importancia dos seus efectos negativos, sobre todo nos nenos”, apunta o profesor da USC e un dos organizadores da reunión, José Sordo. Finalmente, unha parte desta disciplina aposta por estudar e deseñar novos compostos metálicos con interese terapéutico. O cisplatino, un popular composto anticanceríxeno que marcou un fito na loita contra o cáncer, podería ser un exemplo ilustrativo.
Programa científicoOs participantes nesta quinta edición chegarán a Santiago o domingo 16, xornada na que, ás 20:00 horas, serán recibidos polo reitor Senén Barro no Claustro do Colexio de Fonseca. As sesións científicas, que se desenvolverán enteiramente na Residencia Universitaria Monte da Condesa (Campus Sur), comezarán o luns 17, ás 9:30 horas co acto oficial de inauguración que contará coa asistencia de representantes da USC e das Direccións Xerais de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, de Turismo, de Ordenación e Calidade do SUG e de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.
Deseguido, ás 10:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural do profesor Mareque que disertará sobre as novas estratexias para estender e mellorar as aplicacións e propiedades de complexos biomiméticos. A partir de aí e durante os días seguintes desenvolveranse diversas sesións de comunicacións orais que só serán interrompidas o martes, día 18, ás 11:00 horas coa reunión da Asociación Española de Bioinorgánica

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2007.