Ir o contido principal

Os principais especialistas en Bioinorgánica do Estado asisten en Santiago á súa quinta Reunión Científica Bianual

O encontro desenvolverase esta semana na Residencia Universitaria Monte da Condesa

Os principais especialistas en Bioinorgánica do Estado reúnense en Santiago na 5ª Reunión Científica Bianual promovida pola Asociación Española de Bioinorgánica. A conferencia inaugural do evento, que se desenvolverá ata o día 19 coa discusión dun cento de comunicacións orais e escritas, correu a cargo do profesor compostelán Juan Carlos Mareque Rivas, actualmente no claustro da School of Chemistry da Universidade de Edimburgo.
A Bioinorgánica é unha nova disciplina con ampla repercusión no mundo científico nos últimos anos. Dedícase a analizar o papel biolóxico de certos elementos químicos, sobre todo metais, algúns dos cales forman parte, de seu, dos organismos vivos e xogan neles un papel bioquímico esencial. Tal é o caso do ferro, que participa no transporte do osíxeno nos mamíferos, pero tamén noutros innumerables procesos bioquímicos que ocorren practicamente en todos os seres vivos.
A Bioinorgánica interésase tamén polos metais que son tóxicos, co fin de aportar estratexias para remediar os seus efectos. Neste caso, o chumbo, amplamente distribuído na sociedade actual, é unha boa mostra “dada a importancia dos seus efectos negativos, sobre todo nos nenos”, apunta o profesor da USC e un dos organizadores da reunión, José Sordo. Finalmente, unha parte desta disciplina aposta por estudar e deseñar novos compostos metálicos con interese terapéutico. O cisplatino, un popular composto anticanceríxeno que marcou un fito na loita contra o cáncer, podería ser un exemplo ilustrativo.
Programa científicoOs participantes nesta quinta edición chegaron a Santiago o domingo 16, xornada na que foron recibidos polo reitor Senén Barro no Claustro do Colexio de Fonseca. As sesións científicas, que se desenvolverán enteiramente na Residencia Universitaria Monte da Condesa (Campus Sur), comezaron o luns 17 co acto oficial de inauguración que contou coa asistencia de representantes da USC e das Direccións Xerais de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, de Turismo, de Ordenación e Calidade do SUG e de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.
Deseguido tivo lugar a conferencia inaugural do profesor Mareque que disertou sobre as novas estratexias para estender e mellorar as aplicacións e propiedades de complexos biomiméticos. A partir de aí e durante os días seguintes desenvolveranse diversas sesións de comunicacións orais que só serán interrompidas o martes, día 18, ás 11:00 horas coa reunión da Asociación Española de Bioinorgánica

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2007.