Ir o contido principal

Probas de acceso e duración dos estudos universitarios, temas centrais da Asemblea Xeral da CRUE celebrada na USC

De esquerda a dereita, Juan Juliá, vicepresidente executivo da CRUE; Fernando Suárez; reitor da Universidade Rei Juan Carlos; Roberto Fernández, vicepresidente da CRUE; Juan Viaño, Segundo Píriz;...
De esquerda a dereita, Juan Juliá, vicepresidente executivo da CRUE; Fernando Suárez; reitor da Universidade Rei Juan Carlos; Roberto Fernández, vicepresidente da CRUE; Juan Viaño, Segundo Píriz;...

O decreto sobre a duración dos estudos de grao e máster en España e a futura proba de acceso á Universidade foron os temas centrais da Asemblea Xeral que os reitores de universidades españolas mantiveron este mércores na USC. Os reitores acordaron pedir ao Ministerio de Educación, Cultura e Deportes a maior axilidade posible para resolver estas cuestións pola súa importancia para a xestión universitaria.

Tal e como explicou o presidente da CRUE, Segundo Píriz Durán, as universidades propoñen substituír a Selectividade pola reválida de Bacharelato, proba obrigatoria segundo a lei para o alumnado que quere acceder ao ensino superior, recordou Píriz. O presidente da Conferencia de Reitores sinalou que mentres que a futura proba de reválida permitiría cubrir o tramo de 0 a 10 da nota final, para o tramo de 10 a 14 da cualificación final deseñarase un procedemento o máis parecido posible ao que se viña facendo ata agora. Segundo Píriz quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao futuro estudantado universitario e ás súas familias porque “pronto terán unha fórmula de acceso ao ensino superior”.

Respecto da duración dos estudos de grao e máster, unha comisión mixta da CRUE e do Ministerio traballa neste eido dende finais do pasado mes de xullo. As universidades propoñen ao Ministerio que as titulacións que xa existían con anterioridade á implantación do Plan Bolonia, incluídas as ensinanzas médicas e as enxeñarías, manteñan a duración de catro anos. O resto, as de nova formulación, poderían acollerse a unha duración de tres anos. Non obstante, o presidente da CRUE considera que si a formación é a mellor ferramenta para saír da crise non se entende unha redución da duración dos estudos a 3 anos.

CRUE en Santiago

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) reúnese este mércores 28 e o xoves 29 no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago onde se celebrou a xuntanza da súa Asemblea Xeral. No acto inaugural deste encontro, o reitor Juan Viaño aludiu á celebración en Compostela, practicamente de xeito simultáneo, de Spin 2016, encontro que deixa patente o compromiso da Universidade cun novo modelo de transfrencia de coñecemento. Viaño afirmou que "a sociedade esíxenos que planifiquemos de forma ordenada a conexión entre a Universidade e os sectores produtivos do noso país". Logo desta reunión tivo lugar un encontro co Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP) e a intervención do asesor do Gabinete do Comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte da Comisión Europea, Rodrigo Ballester.

Xa o xoves 29, ademais dunha xuntanza do Comité Permanente de CRUE, está prevista a participación dos reitores en Spin 2016, o maior evento iberoamericano de emprendemento universitario que se celebra en Santiago ata o día 1 de outubro.

Constituída en 1994 e formada por un total de 76 universidades españolas, Crue Universidades Españolas é o principal interlocutor das universidades co goberno central e desempeña un papel clave en todos os desenvolvementos normativos que afectan á educación superior en España. Ademais, promove iniciativas de distinta índole co fin de fomentar as relacións co tecido produtivo e social, as relacións institucionais, tanto nacionais como internacionais, e traballa para poñer en valor a universidade española.

A Asemblea celebrouse no Centro de Estudos Avanzados De esquerda a dereita, Pilar Aranda; o presidente da CRUP; Segundo Píriz; Juan Viaño; o reitor da Universidade de Évora; e Roberto Fernández. Segundo Píriz e Juan Viaño na rolda de prensa posterior á Asemblea Xeral da CRUE

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2016.