Ir o contido principal

Na procura dun desconfinamento máis seguro

Recomendacións no desconfinamento
Recomendacións no desconfinamento
O profesor da USC e epidemiólogo Francisco Caamaño analiza cales deben ser as medidas de seguridade necesarias á hora de retomar a actividade laboral presencial
Lugo, Santiago de Compostela

O paulatino regreso ao traballo presencial no marco da crise por mor da COVID-19 debe realizarse extremando as medidas de precaución. Neste senso, o epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna afirma que "o risco cero non existe" e apunta a que "a medida fundamental é a distancial social e o lavado sistemático e meticuloso de mans con xabón ou xel sanitizante".

"Se podo manterme a dous metros dos demais, non necesito máscara facial. Sempre que non poda garantir eses dous metros, debo usala", apunta Caamaño. Asemade, a desinfección de mans conforma outro dos elementos chave á hora de acometer a xornada laboral. "O xel sanitizante debe estar onmipresente na oficina como un elemento máis, á entrada de cada dependencia, en cada despacho, en cada corredor, en cada sala de espera...", afirma o profesor da USC, quen non considera indispensable o uso de luvas xa que "o guante convértese na nosa pel".

Portas, ascensores, corredores e baños

Unha das recomendacións á hora de compartir espazo con outras persoas pasa por ter moito coidado nos diferentes accesos ao espazo de traballo. "A porta do edificio deberá ser automática ou estar permanentemente aberta e así evitar tocar o tirador. O mesmo debe ocorrer coas portas dos distintos despachos, se non hai unha razón de peso deben estar abertas. Na medida do posible, hai que evitar o uso do ascensor, e recuperar, pola contra, a utilización das escaleiras", explica o epidemiólogo.

Nesta liña, o modo de uso dos corredores tamén podería mudar. "Nas oficinas podemos definir corredores de sentido único, de xeito que evitemos encontrarnos de fronte. Son medidas diversas e sinxelas", asegura. Os baños tampouco escapan ás medidas de prevención. "Debemos lavar as mans sistemática e meticulosamente antes e despois de ir ao baño. Idealmente a billa debería ter un sistema de apertura e peche co pé", continúa o profesor.

De volta no fogar

Cando finaliza a xornada, as medidas de precaución continúan no fogar, sobre todo, no tocante ás prendas que vimos de empregar. "A recomendación é lavar a roupa entre 60 e 90 graos. Unha boa opción pode ser utilizar algún uniforme, bata ou garda pó exterior xa que será máis doado de xestionar", conclúe Caamaño logo de apuntar que o teletraballo "é unha excelente opción en tanto non teñamos unha vacina".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2020.