Ir o contido principal

Á procura da igualdade de xénero a través da fotografía

'As mans do traballo', imaxe gañadora na primeira edición do certame
'As mans do traballo', imaxe gañadora na primeira edición do certame
Xa se pode participar no II Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC, ideado co obxectivo de promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria

O Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC inicia a súa segunda edición mantendo a súa misión orixinal, promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria. Desenvolvido pola Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría Responsabilidade Social e Calidade, o Certame contribúe a realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. Trátase dunha iniciativa aberta ao conxunto da comunidade universitaria da USC e a ex alumnado a través da que a institución académica busca sacar á luz o traballo que realmente realizan as mulleres e que historicamente se veu invisibilizado. Ademais, entre os seus obxectivos está contribuír a deconstruír na medida do posible os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e os que o sonde homes, á vez que motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional. O Certame toma o nome dunha muller que realizou un traballo importante nun campo desenvolvido tradicionalmente por homes, deixando ademais como herdanza unha obra destacable na que se inclúe o retrato que realizou da muller galega dos anos 20 a través da súa particular mirada. Requisitos e premios As fotografías, que poden presentarse ata o 31 de marzo no Rexistro Xeral da USC, deben versar sobre a muller dende diversas perspectivas, premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe. As fotografías entregaranse en formato dixital, cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño A3 ou A4. O xurado seleccionará as vinte e cinco fotografías de maior calidade técnico-artística, coas que se realizará unha exposición itinerante por diversos centros da USC. De entre estas o xurado seleccionará as tres mellores, decisión que fará pública o vindeiro mes de abril. O primeiro premio ten unha dotación económica de mil euros e a utilización da fotografía como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2012 pola USC; o segundo conseguirá oitocentos euros e o terceiro cincocentos. Os gañadores recibirán os seus premios nunha cerimonia a celebrar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Exposición Coas vinte e cinco mellores fotografías seleccionadas organizarase unha exposición itinerante polas Facultades de Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación e as Bibliotecas Concepción Arenal de Santiago e Intercentros de Lugo. Ademais, e como novidade fronte á pasada edición, a exposición chegará tamén á Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia e a algúns centros socioculturais do Concello de Santiago. O xurado encargado da selección intégrano a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; a concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Educación, Mercedes Rosón; os profesores de Ciencias da Comunicación, Antía López e Fernando Redondo; e o director do Gabinete de Comunicación da USC, Lois Celeiro.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a convocatoria do Certame na web da Oficina de Igualdade de Xénero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2011.