Ir o contido principal

A procura da mellora nos procesos de ensinanza e aprendizaxe das ciencias, nun encontro na USC

A mellora nos procesos de ensinanza e aprendizaxe das ciencias nos diferentes niveis educativos así como a relación entre a sociedade actual e a educación científica son as principais motivacións dos Encontros de Didáctica das Ciencias Experimentais, que desenvolverán a súa vixésimo quinta edición esta semana na USC. Organizados polo Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias da Educación da USC baixo o auspicio da Asociación Española de Profesores e Investigadores en Didáctica das Ciencias Experimentais (APICE), os encontros terán lugar os días 5, 6 e 7. A inauguración oficial terá lugar este mércores ás 11.00 horas na propia Facultade (Campus Vida) coa presenza do reitor Juan Casares. Logo da apertura terá lugar a primeira das conferencias plenarias a cargo da profesora María Pilar Jiménez Aleixandre titulada ‘As prácticas científicas na investigación e na clase de ciencias’ . Outros relatorios destacados serán os de Andrés Acher sobre cómo facilitar a modelización científica na aula e o de Roque Jiménez titulado ‘Onte, hoxe e mañá da investigación na ensinanza das ciencias’. Nesta ocasión os encontros, que contan con máis de 160 traballos presentados, teñen definidas varias liñas temáticas relacionadas co Máster en Profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato, a investigación en ensinanza e aprendizaxe das ciencias, experiencias innovadoras na aula e xénero. Asisten a este conclave científico representantes de universidades portuguesas, brasileiras, venezolanas, mexicanas, arxentinas, chilenas e de Reino Unido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2012.