A procura da mellora nos procesos de ensinanza e aprendizaxe das ciencias, nun encontro na USC

A mellora nos procesos de ensinanza e aprendizaxe das ciencias nos diferentes niveis educativos así como a relación entre a sociedade actual e a educación científica son as principais motivacións dos Encontros de Didáctica das Ciencias Experimentais, que desenvolven a súa vixésimo quinta edición na USC. A investigación educativa en Didáctica de las Ciencias pon de manifesto importantes dificultades do estudantado para unha aprendizaxe significativa das ciencias: que sexa útil para ensinar a pensar ao desenvolver as capacidades de observación, de análise, de razoamento; útil para entender qué é a ciencia e cómo se produce o coñecemento; para interpretar a información científica e para xerar vocacións científicas, apuntan dende a organización do encontro. O conclave inaugurouno este mércores o reitor Juan Casares, para quen “hoxe, máis que nunca, necesítase unha cidadanía ben informada con capacidade para interpretar a información científica e poder participar dos debates sociocientíficos”. Organizados polo Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias da Educación da USC baixo o auspicio da Asociación Española de Profesores e Investigadores en Didáctica das Ciencias Experimentais (APICE), os encontros terán lugar ata o día 7 na propia facultade. Logo da apertura tivo lugar a primeira das conferencias plenarias a cargo da profesora María Pilar Jiménez Aleixandre titulada ‘As prácticas científicas na investigación e na clase de ciencias’ . Outros relatorios destacados serán os de Andrés Acher sobre cómo facilitar a modelización científica na aula e o de Roque Jiménez titulado ‘Onte, hoxe e mañá da investigación na ensinanza das ciencias’. Nesta ocasión os encontros, que contan con máis de 160 traballos presentados, teñen definidas varias liñas temáticas relacionadas co Máster en Profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato, a investigación en ensinanza e aprendizaxe das ciencias, experiencias innovadoras na aula e xénero.
Asisten a este conclave científico representantes de universidades portuguesas, brasileiras, venezolanas, mexicanas, arxentinas, chilenas e de Reino Unido.