Ir o contido principal

PROePLA dá pulo á formación das mulleres rurais no marco do proxecto CARES

Estas actividades enmárcanse nun programa máis amplo de máis dunha ducia de cursos gratuítos que CARES desenvolve este outono en Galicia, Asturias e León, todos eles orientados a promover unha xestión forestal activa, sostible e xeradora de emprego local. FOTO: https://caresgestionforestal.com/
Estas actividades enmárcanse nun programa máis amplo de máis dunha ducia de cursos gratuítos que CARES desenvolve este outono en Galicia, Asturias e León, todos eles orientados a promover unha xestión forestal activa, sostible e xeradora de emprego local. FOTO: https://caresgestionforestal.com/
O grupo de investigación da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo lidera accións formativas en Baroña e Guitiriz que se desenvolverán durante o mes de novembro e que se centran na extracción e uso de resina de pino
Lugo

O proxecto CARES, no que participa o grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, conmemora a semana na que se enmarca o Día Internacional das Mulleres Rurais que ten lugar cada 15 de outubro, destacando o seu papel na xestión forestal e na dinamización do medio rural a través da formación, o emprego e o emprendemento no sector primario. Durante este outono, CARES puxo en marcha cinco formacións específicas para mulleres en distintas comunidades do noroeste peninsular —tres delas xa realizadas en Asturias e Castela e León, e dúas máis previstas en Galicia—, centradas no aproveitamento e a transformación da resina e a castaña como recursos forestais non madeireiros con alto potencial de emprego e sustentabilidade.

Estas formacións, gratuítas e de carácter práctico, permitiron ás participantes adquirir competencias técnicas tanto na extracción da resina como na súa transformación para cosmética natural, ademais de fornecer coñecementos sobre seguridade laboral, comercialización e emprendemento. As actuacións son posibles a través do financiamento coa que conta este proxecto, a través da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A través da formación, CARES busca xerar novas oportunidades laborais para mulleres no medio rural e demostrar que a xestión forestal pode ser tamén unha vía de emprendemento e desenvolvemento persoal. Así, a actividade ‘Formación práctica para mulleres en extracción e uso de resina de pino’ terá lugar en Baroña, A Coruña, os días 6 e 7 de novembro, de 15.00 a 19.00 horas; e en Guitiriz, Lugo, os días 21 e 22 do mesmo mes, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Sobre o porqué destas actividades formativas e do peso que este proxecto quere darlle ao necesario rol da muller no rural, destácase que “desde CARES impúlsase a participación e inclusión da muller na xestión forestal mediante a formación, realizando tres formacións específicas para mulleres en Asturias e Castela e León e con dúas máis á vista en Galicia”, pero tamén se subliña que o desenvolvemento do propio proxecto xera emprego feminino. “Estamos a xerar postos de traballo directos no proxecto mediante a contratación de mulleres para a execución de traballos de extracción de resina e castañicultura, evidenciando a nosa aposta por esta inclusión, e tamén como maneira de visibilizar e crear referencias nestas actividades tipicamente masculinizadas do sector forestal”, explican dende o equipo investigador. “Os resultados de rendementos e tempos de aprendizaxe evidencian a perfecta pertinencia destes empregos para as mulleres do medio rural, e ademais están a permitir introducir novas miradas e achegas ás melloras nas técnicas máis innovadoras”, conclúen.

Estas actividades enmárcanse nun programa máis amplo de máis dunha ducia de cursos gratuítos que CARES desenvolve este outono en Galicia, Asturias e León, todos eles orientados a promover unha xestión forestal activa, sostible e xeradora de emprego local. Con estas accións, o proxecto CARES reforza a súa aposta por un modelo de desenvolvemento rural inclusivo, onde a igualdade de xénero é unha ferramenta esencial para revitalizar os territorios. A combinación da resina e a castaña como recursos forestais complementarios permite crear emprego estable, diversificar rendas e fixar poboación nas zonas rurais máis despoboadas do noroeste peninsular. As persoas interesadas aínda poden inscribirse nas distintas formacións a través da web do proxecto CARES.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2025.