Profesionais do Dereito de toda España analizan estes días en Pontedeume os cambios sociais e os novos modelos familiares
Profesionais do Dereito que desenvolven o seu traballo en diferentes organismos e institucións de Galicia, Navarra, Madrid, Andalucía e as Illas Canarias e Baleares debaterán sobre a perspectiva xurídica do papel da muller, os cambios sociais e os novos modelos familiares no curso que se desenvolverá os días 2 e 3 de setembro na Casa da Cultura de Pontedeume. A profesora titular de Dereito Civil da USC Ana Díaz Martínez dirixe este seminario no que se abordarán temas como a custodia compartida logo da separación ou o divorcio, as novas relacións conxugais, os aspectos patrimoniais das rupturas matrimoniais, a atención ás persoas maiores ou a violencia de xénero. Inauguración A inauguración do curso terá lugar este xoves, 2 de setembro, ás 10:00 horas na Casa da Cultura de Pontedeume nun acto que contará coa presenza do alcalde da vila, Gabriel Torrente Piñeiro; da vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao da USC, Eva Castro Caridad; da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González Vázquez; e da profesora Ana Díaz. Logo da apertura terá lugar a conferencia de Enrique Rubio Torrano, catedrático de Dereito Civil da Universidade Pública de Navarra e presidente do Consejo de Navarra, sobre a corresponsabilidade no coidado dos fillos e a custodia compartida logo da separación ou o divorcio. A continuación, ás 12:15 horas, terá lugar o segundo dos relatorios, titulado ‘As novas relacións conxugais e os aspectos patrimoniais das rupturas matrimoniais: vivenda familiar e pensións’ a cargo de Ángel Rebolledo Varela, catedrático de Dereito Civil da USC. Xa pola tarde intervirá a maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia n.º 3 de Pamplona, Margarita Pérez-Salazar, cunha charla sobre a nova posición da muller na sociedade e a súa incidencia no eido xurídico-familiar. A xornada rematará cunha mesa redonda arredor da atención ás persoas maiores nos novos modelos familiares: fórmulas xurídicas de autoprotección. Coordinada pola profesora Lourdes Blanco Pérez-Rubio, participarán nela a docente Nélida Tur Faúndez, o notario Gustavo Hermoso Carazo e o avogado e profesor David Platero López. Segunda xornada A sesión do venres 3 comezará coa conferencia ‘A convivencia en parella estable: relacións patrimoniais, ruptura e pasamento dun dos seus membros’ de Carmen Pérez de Ontiveros Baquero, catedrática de Dereito Civil da Universidade das Palmas de Gran Canaria, para continuar coa intervención de Nélida Tur sobre o papel dos avós nas familias. A muller vítima de violencia de xénero será conferencia que pronuncie Teresa Sansegundo Manuel pola tarde, para rematar cunha meas de debate acerca da maternidade a unha idade tardía e as alternativas á filiación natural como a reprodución asistida e a adopción. Participan nela as profesoras Ana Díaz Martínez e Helena Martínez Hens e a xefa de servizo de Defensa do Menor da Xunta de Galicia, Alba Paz Boubeta. Unha visita ao Parque Natural Fragas do Eume completa, o día 4, o programa do curso ‘ Muller, cambios sociais e novos modelos familiares: unha perspectiva xurídica’ que conta co financiamento do Concello de Pontedeume.