Profesionais e expertos analizan na USC as particularidades da inclusión social
Avanzar no deseño de metodoloxías de intervención innovadoras e pór de manifesto o papel fundamental do traballo en rede e da participación das persoas nos proxectos e servizos dirixidos á inclusión social son os obxectivos das xornadas sobre inclusión social que a USC desenvolverá en Santiago esta semana, entre o venres 12 e o domingo 14.
Baixo o título ‘Programas e proxectos das entidades de iniciativa social’, o Servizo de Participación e Integración Universitaria, dependente da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, e en colaboración con Cruz Vermella e Solidarios para el Desarrollo propón estas xornadas como vehículo de sensibilización e formación da comunidade universitaria.
Os responsables universitarios decidiron organizar este encontro toda vez que “aínda que se avanzou nos debates queda moito por facer”. Entre outras cousas apuntan, por exemplo, a importancia de mellorar o Terceiro Sector como sector de xestión social en comparación cos servizos sociais públicos “que están demasiado compartimentados e son máis asistencialistas”. Na mesma liña, as entidades sen ánimo de lucro que xestionan servizos ou recursos para promover a inclusión social “cometeron erros semellantes, ademais de caer na sobreburocratización”.
A partir destas ideas iniciais reuniranse na cidade especialistas que abordarán cuestións como a exclusión social en España e os seus efectos psicolóxicos e sociais, a soidade das persoas maiores, o ocio inclusivo ou os excluídos do fogar. Ademais, os relatores de expertos completaranse con diversos paneis de experiencias en toda España.
ProgramaUnha diagnose da exclusión social en España será o punto de partida do programa previsto para este venres, dende as 10:15 horas na Facultade de Matemáticas. O encontro proseguirá cunha análise dos efectos psicolóxicos e sociais da exclusión social, a cargo do profesor da Complutense de Madrid, Manuel Muñoz. Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, celebrarase unha mesa sobre saúde mental e atención á diversidade, na que intervirán Pedro González Aceituno, do Hospital Carlos Haya de Málaga, e Tomás López Corominas, da Asociación Hierbabuena.
Rematando a primeira xornada desenvolverase un panel de experiencias dende as 18:30 horas sobre ‘Creación de espazos de socialización con persoas con enfermidade mental’.
Continuando co desenvolvemento do programa, o sábado 13 estará dedicado ás persoas maiores e ás que non teñen fogar, a través de intervencións nas que se prestará atención ás situacións de soidade dos maiores, alternativas de ocio inclusivo e proxectos interxeracionais, entre outros asuntos. As xornadas rematarán o domingo 14 cunha representación teatral e unha sesión de avaliación final.