Profesionais de todo o mundo debaten en Santiago sobre a conformación da identidade rexional nos materiais educativos

Os libros de textos na sociedade da información global e a construción e desenvolvemento da identidade nos recursos educacionais foron os temas das dúas primeiras conferencias da 10th International Conference on Textbooks and Educational Media, que botou a andar este xoves no Auditorio de Galicia. Profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e países relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos reúnense a en Santiago nesta conferencia internacional, a primeira que se celebra en España.
Organizada esta décima edición da conferencia baixo o lema ‘Local, National and Transnational identities in textbooks and educational media’, a sesión inaugural contou coa participación do vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; do conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez; e do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, xunto aos que tamén asistiron a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, Eva Almunia; a presidenta da IARTEM, Susanne V. Knudsen; o presidente da Asociación Nacional de Editores de libros e material de ensinanza (ANELE), José Moyano; e o profesor da USC, Xesús Rodríguez.
O encontro está promovido pola Asociación Internacional IARTEM (Internacional Association for Research on Textbooks and Educational Media) que ten entre os seus obxectivos fundamentais favorecer a investigación e análise dos libros de texto e materiais didácticos, establecer contactos entre os investigadores interesados nos medios educativos e favorecer a formación do profesorado.
Os cento cincuenta expertos reunidos en Santiago tentarán responder a cuestións de actualidade como a afección dos cambios políticos, sociais, económicos nas decisións sobre os recursos educativos; a identidade que se reflicte nos materiais; a cultura e realidade emigrante e inmigrante que se recolle nestes e de que maneira aparece reflectida a cultura nos recursos e como eses recursos condicionan a propia cultura. Os organizadores salientan que este congreso contribuirá non só á análise da situación, senón sobre todo á toma de decisións sobre as políticas e as medidas que se poden emprender cos medios dispostos.
ExposiciónsParalela ao encontro poderase visitar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia a exposición ‘Libros de texto e outros recursos didácticos elaborados en Galicia’, concibida ao abeiro do X Congreso Internacional e onde se dará a coñecer unha mostra ampla e variada de materiais didácticos, tanto formais como informais e de todos os niveis educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Nova Escola Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Instituto de Ciencias da Educación da USC e a Asociación Galega de Editores, entre outros.
Ademais, tamén na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, preséntase a exposición ‘Pensad que esto ha sucedido. Lecciones del Holocausto’, organizada polo Grupo Eleuterio Quintanilla de Asturias, asociación que leva traballando moitos anos na educación intercultural.