Profesionais do sector dos libros de texto e materiais didácticos de todo o mundo reúnense esta semana en Santiago
Profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e países relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos reúnense a partir deste xoves 3 en Santiago na súa décima conferencia internacional, a primeira que se celebra en España.
A 10th International Conference on Textbooks and Educational Media, que leva por título ‘Local, National and Transnational identities in textbooks and educational media’, inaugurarase este xoves no Auditorio de Galicia ás 11:00 horas. Participarán nela o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez; o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, Eva Almunia; a presidenta da IARTEM, Susanne V. Knudsen; o presidente da Asociación Nacional de Editores de libros e material de ensinanza (ANELE), José Moyano; e o profesor da USC, Xesús Rodríguez.
O encontro está promovido pola Asociación Internacional IARTEM (Internacional Association for Research on Textbooks and Educational Media) que ten entre os seus obxectivos fundamentais favorecer a investigación e análise dos libros de texto e materiais didácticos, establecer contactos entre os investigadores interesados nos medios educativos e favorecer a formación do profesorado.
Os cento cincuenta expertos reunidos en Santiago tentarán responder a cuestións de actualidade como a afección dos cambios políticos, sociais, económicos nas decisións sobre os recursos educativos; a identidade que se reflicte nos materiais; a cultura e realidade emigrante e inmigrante que se recolle nestes e de que maneira aparece reflectida a cultura nos recursos e como eses recursos condicionan a propia cultura. Os organizadores salientan que este congreso contribuirá non só á análise da situación, senón sobre todo á toma de decisións sobre as políticas e as medidas que se poden emprender cos medios dispostos.
ExposiciónsParalela ao encontro poderase visitar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia a exposición ‘Libros de texto e outros recursos didácticos elaborados en Galicia’, concibida ao abeiro do X Congreso Internacional e onde se dará a coñecer unha mostra ampla e variada de materiais didácticos, tanto formais como informais e de todos os niveis educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Nova Escola Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Instituto de Ciencias da Educación da USC e a Asociación Galega de Editores, entre outros.
Ademais, tamén na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, preséntase a exposición ‘Pensad que esto ha sucedido. Lecciones del Holocausto’, organizada polo Grupo Eleuterio Quintanilla de Asturias, asociación que leva traballando moitos anos na educación intercultural.