Ir o contido principal

O profesor Andrés Cernadas gaña o Premio de Investigación Social de Caja Madrid

Por un traballo sobre as desigualdades de acceso á sanidade pública

O profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC, Andrés Cernadas, resultou gañador do primeiro Premio de Investigación Social de Caja Madrid polo traballo ‘As desigualdades no acceso aos servizos sanitarios públicos por parte de colectivos socialmente desfavorecidos’.
Dotado con 35.000 euros e a publicación dunha primeira edición, o premio pretende destacar as investigacións dedicadas especialmente a mellorar a situación dos máis desfavorecidos. Concretamente, o traballo gañador trata de coñecer as principais causas das desigualdades no acceso á sanidade pública e propoñer mecanismos de intervención para corrixilas ou evitalas. Para iso, Cernadas centrouse nos inmigrantes económicos irregulares de fala non hispana de Asia e África, nas persoas sen teito e nas maiores que viven soas e perciben unha pensión non contributiva.
Logo dun intenso traballo de campo en Barcelona, o investigador da USC constatou que efectivamente certos colectivos teñen dificultades especiais de acceso ao sistema sanitario público en tanto que está deseñado “para un usuario estándar” e non se adapta ás especificidades dos colectivos, “o que afecta claramente á equidade de acceso”. Na mesma liña, advirte que os colectivos con dificultades especiais están formados polas persoas socialmente máis desfavorecidas, “o que afectaría negativamente á equidade do sistema”.
Na súa análise, Cernadas subliña a insuficiente extensión dos dereitos da cidadanía, a “insensibilidade e discrecionalidade” dos profesionais, a burocracia, a organización e descoordinación do sistema sanitario e sociosanitario, a presión asistencial e a escaseza de recursos e a falla de competencia cultural como elementos “claramente explicativos” das desigualdades en saúde.
Para o profesor da USC, a investigación supón un “paso adiante” na análise das “disonancias entre a lexislación vixente e os discursos oficiais sobre a política sanitaria e a práctica diaria das organizacións encargadas”.
Andrés CernadasAndrés Cernadas (Mesía, A Coruña) é licenciado en Ciencias Económicas e doutor en Ciencia Política pola Universidade de Barcelona. A súa liña investigadora aborda cuestións relacionadas con participación cidadá, xestión pública, avaliación de políticas públicas, política sanitaria, equidade e desigualdades en saúde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2009.