Ir o contido principal

O profesor Antón Costa Rico, presidente da Sociedade Española de Historia da Educación

Antón Costa Rico
Antón Costa Rico

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC Antón Costa Rico preside na actualidade a Sociedade Española de Historia da Educación (SEDHE), instancia académico-universitaria española que agrupa aos docentes e investigadores que cultivan preferentemente os estudos de historia da educación ou aqueloutros que conlevan a presenza do coñecemento histórico-educativo.
Fundada en 1982, a SEDHE conta con 280 membros, todos eles acollidos previo coñecemento e aprobación dos seus currículo, sendo unha parte importante profesores e investigadores ligados a todos os centros universitarios de formación do profesorado e ao conxunto das Facultades de Ciencias da Educación españolas, aínda que tamén hai algún investigador e docente latinoamericano e europeo.
A Sociedade celebra asembleas anuais e organiza e promove importantes actividades académicas como os coloquios españois bianuais de historia da educación que previsiblemente se celebrará na Coruña en 2011 organizado polas tres universidades galegas, e un seminario anual de formación cuxos relatorios se publican nos Cadernos de Historia da Educación.
Actividade editorialAdemais, a SEDHE promove a edición da publicación anual Historia de la Educación. Revista interuniversitaria en colaboración cos Departamentos de Teoría e Historia da Educación do conxunto das universidades españolas e co Servizo de Publicacións da Universidade de Salamanca. Con xa 27 números editados constitúe un excelente expoñente da calidade investigadora impulsada pola SEDHE.
Tamén promove as coleccións Memoria y crítica de la Educación (Biblioteca Nueva) e Clásicos de la educación que vai desenvolver un novo proxecto arredor das resonancias histórico-educativas do bicentenario da independencia das repúblicas americanas. Por outra banda, edita dous Boletíns Anuais onde se recolle a vida organizativa e académica da SEDHE e a actualidade bibliográfica internacional no campo dos estudos histórico-educativos.
Destacadas colaboraciónsA SEDHE, incluída na Internationnal Standing Conference of the History of Education (ISCHE) que acaba de celebrar a súa 31 Conferencia Internacional na Universidade de Utrech, mantén tamén sólidos lazos de colaboración latinoamericana a través dos Congresos do CIHELA; coa Secçâo de História da Educaçâo por medio dos Encontros hispano-portugueses como o que en próximos días se vai celebrar en Porto arredor da temática dos exilios políticos, os idearios e as reformas pedagóxicas en España e Portugal durante os séculos XIX e XX; e coa Societat Catalana d´Història de l´Educació, moitos de cuxos membros forman parte tamén da SEDHE.
A SEDHE conta con núcleos de singular releve en Valencia, Granada, Sevilla, Madrid, Barcelona, Salamanca e Galicia. Este último foi o organizador do VI Coloquio español de historia da educación (Universidade de Santiago, 1990) e do IV Encontro hispano-portugués (Allariz, 2001). Ademais, o grupo galego é recoñecido polas súas achegas histórico-educativas e responsable da edición de Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación desde 1997.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2009.