O profesor Campbell defende este venres no ILG a teoría que asocia a aparición da linguaxe coa música e o rito
As teorías lingüísticas sobre a orixe da linguaxe tenderon ata hai pouco cara á abstracción, como se a linguaxe xurdise como unha cousa en si mesma. Mais os antropólogos polo xeral insiren a linguaxe falada dentro dun abano máis amplo de comportamentos humanos, xunto co movemento, os xestos, a música e o rito. Precisamente esta teoría será a que explique este venres 27 nunha conferencia – ás 12:30 horas no Seminario A do Instituto da Lingua Galega– o profesor Benjamin Campbell, do Departamento de Antropoloxía da Universidade de Wisconsin-Milwaukee. Benjamin Campbell sostén que a prosodia da linguaxe moderna presenta tazos de moitos dos estados emocionais asociados coa musica e o rito. Neuroloxicamente, a prosodia está asociada coa actividade do córtex insular, a parte do cerebro que tamén se activa ao escoitarmos música, e coa empatía, un elemento clave nos ritos colectivos. Ademais, a parte esquerda do córtex está asociada especificamente co control dos músculos da gorxa e a boca. Campbell suxire que a linguaxe xurdiu a carón dos ritos e a música como xeito de promover a cohesión do grupo. Para o investigador estes ritos non só nos forneceron dunha plataforma para desenvolver a memoria e facer a comunicación verbal máis fiable, senón que tamén limitaron o impacto nos grupos pequenos con intereses comúns, permitindo que a linguaxe se consolidase con maior rapidez.