Ir o contido principal

O profesor Claudio Rodríguez Fer participa xunto con alumnado universitario nun recital poético en homenaxe a Eugenio Granell

Alumnado universitario dos consellos de redacción das revistas Evohé e Paradisso, publicadas respectivamente en Lugo e Santiago, xunto co director da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente da USC, o profesor Claudio Rodríguez Fer, participarán este xoves 12 no recital poético ‘Amores e clamores con Granell’, en homenaxe a Eugenio Granell no ano do centenario do seu nacemento e como presentación de Amores e clamores, volume de poesía reunida do docente da USC. A sesión comezará ás 20.00 horas na Fundación Granell de Santiago. Claudio Rodríguez Fer reúne en Amores e clamores tres grandes conxuntos poéticos, o do seu primeiro ciclo, composto por cinco libros de xuventude predominantemente eróticos; a triloxía da memoria, composta por tres poemarios respectivamente centrados na memoria de Lugo, de Galicia e das mulleres; e un último ciclo, composto ata agora por catro libros de madurez en boa medida vividos e escritos fóra de Galicia, sobre todo durante as súas estandías como profesor visitante na Universidades de Nova York, Alta Bretaña e Bretaña Sur.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2012.