O profesor emérito Carlos Pajares diserta sobre a relación entre ciencia e relixión nun encontro da Conferencia Episcopal
Unha conferencia sobre a relación entre ciencia e relixión do profesor emérito da USC, Carlos Pajares, abre este xoves a trixésimo primeira edición do Encontro de Delegados Diocesanos e Responsables de Pastoral Universitaria que organiza a Conferencia Episcopal en Málaga co lema ‘O diálogo, clave para construír a universidade’.
Pajares articula a súa conferencia, “Ciencia e relixión”, en cinco bloques temáticos e cuxo relato comeza coas teorías de Galileo e Darwin e a correspondente confrontación entre ciencia e relixión e continúa coa referencia ao principio antrópico. Neste apartado, Carlos Pajares afirma que “somos moitos os escépticos” que “pensamos que a crenza na existencia de deus non será nunca unha verdade científica suxeita a aprobación ou a desaprobación por razóns estritamente científicas” . Unha posición que o profesor emérito e ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela considera “non contraditoria con que se pense que a orde intelixible e fermosa do universo, tan chamativo para os científicos, sexa un reflexo do seu creador, incluíndo o marabilloso axuste fino, sexa explicado ou non pola ciencia”.
Coa súa intervención, o profesor Pajares tenta achegar unha resposta que reflexione sobre por que o universo é comprensible. Partindo da idea de que “a ciencia non pode proporcionarnos respostas ao que o filósofo da ciencia Karl Popper chamou preguntas fundamentais”, o profesor Pajares afirma que “a ciencia obtén os seus maiores éxitos pola modestia da súa ambición, autolimitándose e restrinxíndose a si mesma, a buscar e responder a preguntas concretas e específicas concernentes a procesos susceptibles de verificar”.
Un dos puntos centrais da súa conferencia é o relativo aos puntos de encontro entre ciencia e relixión, caracterizadas en opinión de Pajares pola “busca de unicidade e simplicidade como reflexo da verdade e da beleza”, para rematar a intervención aludindo á relación entre creación e revelación.