O profesor Enrique Macías Virgós protagoniza unha nova sesión do Seminario Vidal Abascal
O profesor da USC Enrique Macías Virgós participa este xoves 22 nunha nova sesión do seminario ‘Vidal Abascal’ que organiza o Departamento de Xeometría e Topoloxía para pronunciar a conferencia ‘Definicións de Ganea e Whitehead para a categoría tanxente dunha foliación’. A sesión comezará ás 18:00 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas.
Na súa charla abórdase a descrición dun novo invariante das variedades foliadas e dos espazos dotados dunha partición, segundo un traballo feito en colaboración con J.P. Doeraene e D. Tanré, da Universidade de Lille (Francia).
Enrique Macías Virgósé profesor do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC e especialista na teoría de foliacións, campo sobre o que ten publicado numerosos traballos nalgunhas das mellores revistas da especialidade coma Comptes Rendus de l’Académie de Sciences, Journal of the London Mathematical Society, Topology ou Transactions of the American Mathematical Society,entre outras.
Foi decano da Facultade de Matemáticas entre 1994 e 2001 e na actualidade preside a Comisión de Información e Comunicación Electrónicas do Comité Español de Matemáticas, responsable da compoñente española do World Digital Mathematics Library Project. Tamén é membro do Comité de Publicacións Electrónicas da Sociedade Matemática Europea. Recentemente recibiu uns dos Premios á Innovación Educativa na USC polo seu proxecto “Matemáticas de Farmacia”.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario toma o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do Departamento de Xeometría e Topoloxía e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.