Ir o contido principal

O profesor francés Diego André impartirá en Lugo dúas sesións do POP en Industrias Leiteiras

O profesor Diego André, da Universidade Agrocampus Oueste (Rennes-Francia), impartirá este xoves 11 e venres 12 as clases correspondentes á materia ‘Xestión de produción e estudo de fluxos’ do segundo curso do Programa Oficial de Posgrao en Industrias Leiteiras que a USC, en colaboración coa entidade académica francesa, imparte no campus de Lugo baixo a coordinación da profesora Elvira López Mosquera.
As sesións a cargo de Diego André desenvolveranse na Sala de Profesores da Escola Politécnica Superior dende as 16:30 horas ata as 20:30 horas deste xoves e venres e nelas os estudantes poderán afondar no coñecemento da xestión e planificación das operacións que se levan a cabo nas industrias leiteiras.
A este Programa de Posgrao, no que colaboran a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, asisten principalmente titulados en Enxeñaría Técnica Agrícola na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, en Enxeñaría Agrónoma na orientación de Industrias Agroalimentarias e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que obterán o título de Máster en Industria e Economía Leiteira.
O obxectivo xeral do programa é aportar unha formación orientada á especialización profesional no campo da industria leiteira e capacitar ao estudante para incorporarse a un posto de traballo desta especialidade. Ao ser realizado entre a USC e a Universidade Agrocampus Ouest ten carácter interuniversitario o que significa que, ademais de favorecer a mobilidade de estudantes, supón a adquisición dun título conxunto entre os dous organismos.
Os bloques de estudo céntranse na orixe e caracterización da materia prima, na tecnoloxía do leite e os produtos lácteos, a calidade e a seguridade alimentaria e a planificación, xestión e comercialización. Os módulos teóricos compleméntanse con outras actividades pedagóxicas como o estudo dunha lingua, que pode ser o inglés ou o francés en Lugo e o español ou inglés en Rennes.
Os alumnos realizarán tamén, no segundo cuadrimestre do segundo ano, unha estadía dun mes ao finalizar o primeiro módulo nunha explotación, nunha empresa ou nun laboratorio. O período teórico rematará coa participación de tres meses nunha empresa. O alumno deberá elaborar finalemente un traballo e a súa defensa oral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2010.