Ir o contido principal

O profesor Francisco Rodríguez Lestegás tomou posesión como director da Escola de Formación do Profesorado de Lugo

O reitor Juan Casares e Francisco Rodríguez na Vicerreitoría luguesa
O reitor Juan Casares e Francisco Rodríguez na Vicerreitoría luguesa

O catedrático Francisco Rodríguez Lestegás tomou posesión este venres 24 do seu cargo como director da Escola de Formación do Profesorado de Lugo, nun acto protocolario na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo que presidiu o reitor Juan Casares. Completarán o equipo directivo da escola as profesoras Carmen Díaz Rodríguez e Mar Viña Rouco, subdirectora e secretaria respectivamente. Na Vicerreitoría luguesa estiveron presentes ademais os membros do Consello de Dirección da USC, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicexerenta, Carmen Varela; o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Ramón Durán; a de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández; a secretaria Xeral, Lourdes Noya; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación; Pablo Ramil; e a de Estudos de Grao e Posgrao, María Isabel González . A conversión da escola en Facultade e o desenvolvemento das titulacións que este centro acolle en forma de graos e posgraos son os elementos que centraron a intervención do profesor Rodríguez Lestegás no acto inaugural. Son dúas circunstancias que deben axudar a profundar na consideración dos mestres como “punto de referencia fundamental” no proceso educativo, destacando que “a súa mellor formación redundará nunha mellora cualitativa do ensino”. Os dous graos de mestre impartidos en Lugo son titulacións “fortemente demandadas polos estudantes que acceden á Universidade, o que na opinión do novo director representa “un activo importante, outra das nosas fortalezas, pero que tamén nos compromete a proporcionarlles unha formación de calidade”. O feito de que estes graos habiliten para o exercicio de profesións reguladas repercute de igual xeito na relevancia do Practicum, cuxa “complexidade organizativa, o contacto directo e permanente cos colexios” require “a sinatura dun convenio entre a Consellaría e a Universidade”. Tamén estivo presente no discurso de Rodríguez Lestegás a etapa de posgrao, pola participación activa de profesores da Escola de Lugo no deseño do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas, ademais de que o centro acolle dúas especialidade e itinerarios deste posgrao. O director mostrou na súa intervención “a nosa disposición a involucrarnos máis no desenvolvemento desta titulación”. Neste capítulo, Francisco Rodríguez subliñou tamén o inicio o próximo curso do máster universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, do cal non existen titulacións semellantes en España e escasas referencias en canto a temáticas similares. Francisco Rodríguez proseguiu destacando que “estamos en disposición de afrontar retos futuros aínda que non sexa nas condicións idóneas para facelo, pero hai cousas que nós non podemos facer”, en referencia a cuestións relativas á xestión do espazo do centro. Trátase dun “enquistado contencioso que agora cómpre resolver” xa que “de non facelo, algunha materia que require un equipamento docente específico xa non se podería impartir o curso próximo”. O director reiterou a súa “convicción de que esta demanda, agora está merecendo unha atención preferente” por parte do equipo reitoral. Concluíu o docente reiterando a súa satisfacción persoal e profesional motivada por dirixir “o centro universitario de máis longa tradición no Campus de Lugo xusto no momento en que vai afrontar a súa transformación de maior alcance”. Pola súa banda, o reitor Juan Casares agradeceu o esforzo tanto do anterior equipo encabezado por Modesto Rodríguez Neira como do novo, asumindo un compromiso coa propia Escola e coa Universidade de Santiago. Neste senso lembrou Casares que nestes momentos apúntase á USC dende importantes foros como a terceira universidade de España polo seu volume de produción científica, o que o reitor relacionou directamente ao “esforzo colectivo de moita xente que traballou e traballa con eficacia durante moitos anos”. O contexto actual obriga á práctica da austeridade e ao esforzo colectivo para superar a situación actual, o que segundo Casares non condicionará que a escola será un centro de referencia na formación do profesorado. Francisco Rodríguez Lestegás Francisco Rodríguez Lestegás (Foz, 1951) é mestre, licenciado en Filosofía e Letras (sección de Historia e Xeografía), en Filosofía e Ciencias da Educación (sección Ciencias da Educación) e doutor en Xeografía e Historia. Dende 1974 exerce como profesor na Escola de Formación de Profesorado de Lugo, onde na actualidade é catedrático de Didáctica das Ciencias Sociais. Con anterioridade ocupou sucesivamente os cargos de director e secretario do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais. Como resultado da súa actividade investigadora, ten publicados catro libros, Valor y usos del suelo urbano en Lugo (USC), Os ríos galegos. Morfoloxía e réxime (en colaboración con Francisco Javier Río Barja, CCG), Didáctica das Ciencias Sociais na Educación Infantil (Ir Indo) e La actividad humana y el espacio geográfico” (Síntesis). Ademais coordinou a edición do libro Identidad y ciudadanía. Reflexiones sobre la construcción de identidades (Horsori).

Así mesmo, é autor de numerosos capítulos incluídos en obras de autoría colectiva e artigos publicados en revistas especializadas en temas de xeografía, didáctica das ciencias sociais, formación do profesorado e educación en xeral. As súas liñas de investigación máis recentes xiran arredor da consideración disciplinar da xeografía e a construción de identidades.

O reitor xunto co equipo de Goberno da Escola de Formación do Profesorado de Lugo e os membros do Consello de Dirección da USC que asistiron á toma de posesión do director. De esquerda á dereita Pedro García Herradón, Carmen Varela, Francisco Durán, Carmen Fernández, Carmen Díaz, Lourdes Noya, FranciscoRodríguez Lestegás, Juan Casares, Pablo Ramil, Mar Viña e Mª Isabel González

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2011.