Ir o contido principal

O profesor Ignacio Vidal Portabales gaña o Premio de Novela Longa Blanco Amor

O profesor de Dereito Mercantil da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC Ignacio Vidal Portabales é o gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor por Dióxenes en Dolorida. A obra premiada é a primeira novela en lingua galega do profesor da USC. Unha obra que, segundo o xurado, destaca pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. É tamén salientable o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista. Ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, Ignacio Vidal publicou os libros O contrato de patrocinio publicitario no Dereito Español (1988), O réxime xurídico da liquidación na Sociedade Cooperativa Galega (2004), e Sociedade da Información e Empresa (2010). No plano literario obtivo, na súa mocidade, diversos premios de poesía como o Universitario San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) ou o 2º premio do II Certame Literario de Ribadeo. O Concello de Fene entregaralle o premio a Ignacio Vidal Portabales este sábado, 1 de decembro, nunha gala organizada polo Concello de Fene ás 21.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2012.