Ir o contido principal

O profesor e investigador Bruno Esperante gaña o XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou

Bruno Esperante é profesor axudante doutor de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e investigador de HISTAGRA-CISPAC
Bruno Esperante é profesor axudante doutor de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e investigador de HISTAGRA-CISPAC
Por un traballo sobre a difusión de tractores agrícolas en Galicia no século XX
Santiago de Compostela

O profesor axudante doutor de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e investigador de HISTAGRA-CISPAC Bruno Esperante vén de gañar o XVII Premio de Historia Agraria Ramón Garrabou que concede a Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).

Esperante fíxose con este galardón polo artigo ‘La motorización de una agricultura atlántica y ganadera de pequeños propietarios: la difusión de tractores agrícolas en Galicia, 1939-2000’, publicado no nº 90 da revista Historia Agraria.

Estes premios recoñecen o mellor traballo de investigación abordado desde unha perspectiva interdisciplinar sobre a historia agraria e as sociedades rurais da Península Ibérica e América Latina que foron publicados en español, portugués ou inglés en revistas de impacto internacional durante os anos 2023 e 2024.

Na concesión do premio ao profesor da USC, o xurado valorou a sólida estrutura do artigo e o amplo coñecemento demostrado polo autor, tanto do marco teórico como da bibliografía referente ao tema traballado, a orixinalidade da formulación e dos obxectivos xunto coa solidez da argumentación en todo o discurso e o interese que presenta o tema abordado, como é o proceso de mecanización no marco do minifundio, cun estudo de caso que abre novas liñas de investigación para estudos similares noutros territorios.

Así mesmo, o estudo das vías de difusión e a cronoloxía da mecanización abórdanse no artigo desde unha visión ampla do proceso de modernización da agricultura galega, coa difusión de tractores, o aumento do gando especializado na produción de leite, o incremento do consumo de fertilizantes etc.

O xurado tamén destaca que o traballo “vai máis aló da pura innovación técnica e expón a difusión dos tractores como parte dun cambio cultural na agricultura campesiña que cronoloxicamente a sitúa no marco da expansión económica dos anos sesenta”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2025.