Ir o contido principal

O profesor José Docobo fala sobre ‘Matemáticas e astronomía, amigas íntimas’ na segunda sesión do Estalmat Pi

O proxecto de Estímulo do Talento Matemático Galicia celebra este sábado 19 o encontro no Museo Ramón Aller de Lalín

‘Matemáticas e Astronomía, amigas íntimas’ é o título da conferencia que este sábado 19 de febreiro impartirá o profesor e director do Observatorio Astronómico da USC, José Docobo Durantez, no segundo encontro do programa de estímulo do talento matemático Estalmat Pi. Á xuntanza, que ten lugar no Museo Ramón Aller de Lalín (Pontevedra) a partir das 10:00 horas, asiste o presidente de Estalmat Galicia, o profesor da USC Juan Viaño. O Estalmat Pi ten como obxecto ofrecer aos estudantes de 14 e 15 anos que remataron o Estalmat Galicia actividades para non perder o contacto e a afección polas matemáticas. Concretamente, o programa componse dunha conferencia sobre un tema de interese, seguida dun obradoiro para os estudantes con tarefas individuais e colectivas. O proxecto de estímulo matemático Pi comezou a súa andaina o pasado 22 de xaneiro cunha sesión no Concello de Guitiriz, na provincia de Lugo, impartida polo matemático e reitor da Universidade da Coruña, José María Barja. Tras a sesión deste sábado, o Estalmat volverá á terras lucenses, onde pechará o seu programa de actividades o vindeiro 2 de abril co profesor Felipe Gago, que fará unha exposición ‘Do xeral ao particular na resolución de problemas: unha viaxe de ida e volta’. Estalmat O Proxecto de Estímulo Matemático Galicia, que a súa vez forma parte do Estalamat España, ten como finalidade principal detectar e alentar o talento matemático en estudantes de 12 e 13 anos. O proxecto, pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC, está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. A actividade principal do Estalmat Galicia céntrase en seleccionar cada ano a 25 estudantes galegos de primeiro e segundo da ESO mediante unha proba, igual en toda España, á que veñen acudindo 200 rapaces . Os seleccionados teñen a oportunidade de asistir durante dous cursos académicos a actividades impartidas na Facultade de Matemáticas por un equipo de profesores de ensino universitario e secundaria. Toda a información do proxecto pode consultarse na páxina web http://www.estalmatgalicia.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2011.