O profesor José Edelstein acada un dos premios da cuarta edición do Concurso de Divulgación Científica CPAN

O profesor de Física Teórica da USC José Edelstein é un dos premiados na cuarta edición do Concurso de Divulgación Científica do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) co que rematou este mércores o programa das quintas xornadas que este centro celebrou en Santiago ao longo de tres días. O concurso está convocado polo proxecto Consolider-Ingenio 2010 CPAN en colaboración coa Fundación Xeral CSIC e recoñece traballos de divulgación sobre as áreas de investigación que abarcan os grupos do CPAN en cinco categorías: artigos de divulgación; webs ou blogs; vídeos; experimentos, demostracións ou aplicacións móbiles; e traballos publicados en medios de comunicación. Na modalidade de ‘Traballos publicados en medios de comunicación’, José Edelstein resultou premiado por unha serie de entrevistas a científicos de renome como Peter Higgs ou Stephen Hawking. O artigo gañador, ‘Niels Bohr: el arquero atómico’ é un perfil sobre o Nobel danés que revolucionou a Física coa súa teoría sobre a estrutura do átomo (da que se cumpre o centenario), publicado no semanario chileno Qué pasa. Vídeo Nas restantes categorías, o concurso recoñeceu o vídeo ‘Hágase la masa’, unha produción do portal divulgativo CONEC asociado á COSCE e que, baixo a dirección de Javier Díez, explica de forma sinxela o chamado mecanismo de Brout-Englert-Higgs, a teoría que supuxo o Nobel de Física e o Premio Príncipe de Asturias de Investigación a Peter Higgs e François Englert. Proposta en 1964, esta teoría explica como as partículas subatómicas adquiren a súa masa, algo fundamental para a formación da materia que compón o universo. Artigos de divulgación e blog Na modalidade de artigos de divulgación, o premio recaeu nunha proposta da experta en comunicación científica Sara Gil, quen propón unha introdución ás aplicacións que a física de partículas ten en Medicina, dende a diagnose ata o tratamento con hadronterapia. Na modalidade de páxinas web, resultou premiado o blog do físico Enrique Fernández, un soporte dixital que combina entradas especializadas sobre temas actuais de Física con cursos especializados en Relatividade ou Cosmoloxía e colaboración externas. Experimentos O profesor de educación secundaria José L. Lombardero é o premiado na modalidade de experimentos pola súa proposta para construír un radiotelescopio nas aulas co que poder rexistrar a actividade solar ou a interacción entre Xúpiter e a súa lúa máis cercana. O xurado, formado por representantes de cada área do CPAN e un experto en divulgación externo, nesta ocasión o director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña Ramón Núñez, valoraron a capacidade do traballo para espertar a curiosidade do alumnado de secundaria cara o método científico. Nesta cuarta edición do concurso de divulgación rexistrouse a maior participación, 65 traballos procedentes de España e Latinoamérica. Dende que se convocou a primeira edición, en 2010, recibíronse 215 traballos en total. A selección de propostas gañadoras realizouse en base ao rigor e calidade dos conceptos utilizados, a orixinalidade e interese do tema e o formato, así como a capacidade de difusión para o público xeral. Deste xeito, o certame pretende estimular e recoñecer a produción de material divulgativo dirixido ao público xeral, así como aos estudantes de educación secundaria e universitarios en particular, sobre os principios, avances científicos e tecnolóxicos e os beneficios da Física de Partículas, Física de Astropartículas e Física Nuclear. Inmediatamente despois do acto de entrega, o físico experimental do CERN, Peter Jenni, ofreceu a derradeira conferencia plenaria do encontro. Jenni foi líder do maior experimento do LHC, ATLAS, durante a súa construción, dende mediados dos noventa ata 2009. Participou nos descubrimentos dos bosóns W e Z no anterior acelerador do CERN, que supuxo tamén o Nobel de Física para Carlo Rubbia e Simon van der Meer. Peter Jenni pronunciou a conferencia coa que remataron as xornadas CPAN. Foto: Santi Alvite


