Ir o contido principal

O profesor José Manuel González Herrán acaba de ser elixido presidente da Sociedade de Literatura Española do Século XIX

O catedrático de Literatura Española José Manuel González Herrán acaba de ser elixido como presidente da Sociedade de Literatura Española del Siglo XIX (SLESXIX) para o período 2014-2018. A designación produciuse na última asemblea plenaria que este colectivo celebrou na Universitat de Barcelona. Fundada en 1992, a asociación está integrada por aproximadamente 150 membros procedentes de universidades e centros de investigación de España, Francia, Portugal, Bélxica, Holanda, Inglaterra, Italia, Alemaña, Suíza, Estados Unidos, Canadá ou Xapón. González Herrán está especializado en literatura española dos séculos XVIII, XIX e XIX, épocas sobre as que ten publicado diversos traballos relacionados co ensino da literatura, poesía española contemporánea, literatura e cine, literatura do exilio ou sobre os escritores galegos na literatura española. Aínda que o seu labor investigador levouno ao estudo de máis dunha vintena de diversos autores, nos últimos anos a súa dedicación preferente centrouse na obra de Emilia Pardo Bazán cuxas Obras Completas en doce volumes editou xunto co profesor Darío Villanueva. O profesor José Manuel González Herrán dirixe ademais o grupo de investigación Emilia Pardo Bazán que, dende 1994, desenvolve proxectos con financiamento público, de convocatorias competitivas do Goberno de España, así como da Xunta de Galicia. Entre 2004 e 2008 dirixiu catro simposios e un congreso internacional dedicados a estudar a obra da escritora coruñesa. As súas máis recentes achegas á difusión da autora son a edición electrónica do manuscrito inédito Apuntes de un viaje. De España a Ginebra, publicado pola USC e a RAG; San Francisco de Asís (Siglo XIII), preparado en colaboración con outras dúas membros do grupo de investigación (a doutora Cristina Patiño Eirín e o doutor Javier López Quintáns); e a antoloxía El vidrio roto. Cuentos para las Américas publicada por Editorial Galaxia y presentada en Madrid a pasada semana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2014.