O profesor Juan Carlos Pérez Varela recibiu o premio ‘José Antonio Canut’ da Reunión Anual da Sociedade Española de Ortodoncia

O profesor da USC Juan Carlos Pérez Varela acaba de recibir o premio ‘José Antonio Canut’ á mellor presentación da Reunión Anual da Sociedade Española de Ortodoncia, celebrada a comezos deste mes en Murcia. O relatorio premiado, baixo o título ‘Tratamento da clase III esquelética no paciente adulto: hai un so camiño?’, propón alternativas ao tratamento destes casos con ortodoncia e cirurxía ortognática.
Licenciado en Medicina e en Odontoloxía e doutor en Medicina e Cirurxía, Juan Carlos Pérez na actualidade é presidente da Asociación Española de Especialistas en Ortodoncia (AESOR) e, dende o ano 2002, do Comité Científico da Sociedad Española de Ortodoncia (SEDO). Tamén é membro activo do Angel Society of Europe, sendo o único ortodoncista galego que a integra, e autor de máis de corenta publicacións e varios capítulos de libro da súa especialidade, así como relator e conferenciante no ámbito nacional e internacional. Logo de licenciarse, o doutor Pérez Varela realizou a súa tese de doutoramento na Universidade Ohio (EEUU), completando a súa formación no Southern California Permanent Medical e no Máster en Ortodoncia da Universidade de Valencia, onde xustamente foi alumnos do profesor José Antonio Canut.