Ir o contido principal

O profesor Juan José Torres Labandeira tomou posesión como decano da Facultade de Farmacia

O profesor do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Juan José Torres Labandeira tomou posesión este mércores, día 23, do seu cargo como decano da Facultade de Farmacia da USC nun acto protocolario presidido polo reitor da USC, Senén Barro. Completan o equipo decanal os profesores José Ángel Fontenla e Mª Isabel Sández, como vicedecanos, e Perfecto Paseiro como secretario.
A adaptación dos estudos de Farmacia ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) centrou boa parte da intervención do profesor Torres Labandeira, quen subliñou o seu orgullo e satisfacción por asumir a dirección dun centro ao que cualificou como un dos “pilares” da USC e que se atopa “nunha posición de privilexio entre as facultades españolas e europeas” pola calidade dos seus docentes e investigadores.
Para o decano a implantación do EEES é “unha oportunidade única” para mellorar a docencia desenvolvendo sistemas de garantía de calidade que “non deberemos contemplar, unicamente, como unha fonte de novas tarefas burocráticas senón como un medio para alcanzar a excelencia”. Neste senso, para acadar o obxectivos propostos Juan José Torres considera necesario a adaptación das instalacións, a dotación de medios tecnolóxicos, o apoio para a adaptación do profesorado e a incorporación de novos profesores e de persoal de apoio.
Torres LabandeiraDoutor en Farmacia pola USC, realizou estadías pre e posdoutorais en Xapón, Irlanda e Estados Unidos. Ademais ten participado en numerosos proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas e por empresas do sector farmacéutico.
Na actualidade é membro do grupo de investigación ‘I+D en formas de dosificación e sistemas de liberación de medicamentos’, traballando ademais en dúas liñas máis nas que se analizan as estratexias de solubilización e estabilización de fármacos mediante a formación de complexos de inclusión con ciclodextrinas e os hidroxeles funcionalizados para liberación controlada de fármacos.
A súa produción científica inclúe medio centenar de publicacións recollidas en revistas internacionais de tecnoloxía farmacéutica, dúas patentes e a dirección de numerosas teses de doutoramento, traballos de investigación tutelados e traballas academicamente dirixidos.
É membro do comité científico dos sucesivos congresos internacionais de ciclodextrinas dende hai 15 anos, encontros nos que se presentan os últimos avances neste campo no que se desenvolve unha intensa investigación no eido mundial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2008.