O profesor Lois Ferradás reelixido decano de Ciencias da Educación

O profesor Lois Ferradás resultou reelixido decano da Facultade de Ciencias da Educación no transcurso dunha Xunta de centro celebrada este martes na que obtivo 51 votos a favor, 14 en contra, e 13 en branco. Formarán parte do equipo decanal Elena Fernández Rey, como vicedecana de Organización Académica; Anxo Porto Ucha, de Asuntos Económicos, Infraestruturas e Servizos; Xesús Rodríguez, como vicedecano de Calidade, de Medios Tecnolóxicos, de Mobilidade e de Cultura; Xulio Rodríguez, coordinador do Máster de Profesorado de Educación Secundaria; e Rita Gradaílle, como secretaria. No programa deseñado para esta campaña o profesor Lois Ferradás, único candidato presentado, aposta por unha Facultade “proxectada no futuro, aberta, moderna”, acollendo estudantes de todas as partes do mundo, e ao mesmo tempo facilitando estadías ao estudantado noutras facultades, “ utilizando os mellores medios para a formación, con profesores que comparten ou lideran ambiciosos proxectos no Espazo Europeo de Educación Superior”. En definitiva, considera o decano que “a mellor expresión do poder que compartimos será a capacidade de adiantar e preparar o futuro”. A xestión para os vindeiros catro anos basearase na máxima de que ‘o que a todos afecta, sexa decidido entre todos’. Lois Ferradás avogará por un modelo colexiado de toma de decisións, convencido de que “todos temos algo que dicir acerca dos asuntos que nos competen no ámbito da facultade”. Dende esta dimensión “apostamos por un método cooperativo, para o que manteremos os tempos e espazos para o debate e a toma de decisións colexiada”.