Ir o contido principal

O profesor Marcos López de Prado recibe a Orde do Mérito Civil

O embaixador de España nos Emiratos Árabes Unidos, Íñigo de Palacio, á esquerda, entregoulle a condecoración ao profesor Marcos López de Prado
O embaixador de España nos Emiratos Árabes Unidos, Íñigo de Palacio, á esquerda, entregoulle a condecoración ao profesor Marcos López de Prado
Nos últimos 25 anos traballou na modernización das finanzas, sendo pioneiro en algoritmos de intelixencia artificial que agora son amplamente usados nalgunhas das firmas de investimento máis grandes do mundo

O profesor Marcos López de Prado, colaborador do grupo de investigación de María Loureiro na USC e do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS no que participa a USC, acaba de recibir a cruz de Oficial e diploma da Real Orde do Mérito Civil, unha das máis altas distincións españolas, que lle foi entregada en Abu Dabi polo embaixador de España nos Emiratos Árabes Unidos, Íñigo de Palacio. A distinción recoñece os “servizos distinguidos á ciencia e a industria do investimento global” do docente.

Nos últimos 25 anos o profesor López de Prado traballou na modernización das finanzas, sendo pioneiro en algoritmos de intelixencia artificial que agora son amplamente usados nalgunhas das firmas de investimento máis grandes do mundo, un logro polo que foi recoñecido con múltiples premios internacionais. Nacido na cidade de Lugo, Marcos López de Prado licenciouse en Economía Cuantitativa pola Universidade de Santiago de Compostela, recibindo o Premio Extraordinario pola devandita universidade, o Premio Fin de Carrera de Galicia, e a mención especial do Premio Nacional Fin de Carreira de España. Obtivo un primeiro doutoramento en Economía Financeira pola UNED, un segundo doutorado en Matemáticas Financeiras pola Universidade Complutense de Madrid (con premio extraordinario), e completou os seus estudos posdoutorais nas universidades de Harvard e Cornell, onde é membro do claustro académico. 

Na actualidade é xefe global de Investigación e Desenvolvemento Cuantitativo na Autoridade de Investimentos de Abu Dabi (ADIA), membro fundador do Consello de ADIA Lab, Investigador no Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley (Oficina de Ciencia dos Estados Unidos) e profesor na Escola de Enxeñería da Universidade de Cornell en Nova York, onde ensina aprendizaxe automática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2024.