O profesor Matthew Gaunt inaugura no CIQUS o ciclo de conferencias ‘Frontiers in Science’
O profesor da Universidade de Cambridge Matthew Gaunt inaugura este luns 21 o ciclo de conferencias ‘Frontiers in Science’ que, organizado pola Rede de Centros Singulares de Investigación, traerá a Campus Vida as achegas de persoal investigador do máximo prestixio internacional. A charla, ás 17.00 horas na aula de seminarios, leva por título ‘New copper-catalyzed reactions’. Matthew Gaunt é un dos investigadores emerxentes máis destacados no eido internacional da química sintética, concretamente no referido ao descubrimento de novos métodos catalíticos para a transformación de materiais orgánicos intrinsecamente inertes e de baixo custo en produtos de alto valor engadido. O experto de Cambridge impartirá unha segunda conferencia este martes 22 ás 12.00 horas baixo o título ‘New directions in palladium-catalyzed C-H activation’.