Ir o contido principal

O profesor Mirando Boto reflexiona sobre a presenza do Dereito na obra de Tolkien

Portada da obra de Miranda Boto editada por Ediciones Cinca
Portada da obra de Miranda Boto editada por Ediciones Cinca
Este é o argumento do seu libro El Derecho en Tolkien que se presenta este xoves 15 na Facultade de Dereito

El Derecho en Tolkien é o libro no que o profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC José Mª Miranda Boto recolle un estudo que de xeito exhaustivo analiza as cuestións de natureza xurídica incluídas nas obras do escritor J. R. R. Tolkien. O volume de Ediciones Cinca presentarase este xoves 15 ás 20.00 horas no Salón de Graos do Facultade de Dereito coa presenza do decano do centro, Gumersindo Guinarte Cabada, da profesora de Dereito Procesual e especialista no eido do Dereito e Literatura, Ana Rodríguez Álvarez, e do propio autor.

Composto por nove capítulos, prólogo e un reprólogo do prestixioso catedrático Luis Enrique de la Villa Gil, a obra de Mirando Boto trata a perspectiva iusnaturalista dos Ainur, o matrimonio dos Elfos, a sucesión ao trono das mulleres en Númenor ou as leis e costumes en Minas Tirith. Tamén analiza a organización militar da Marca de Rohan, o mercantilismo dos ananos, o ordenamento dos hobbits ou mesmo o uso do Dereito por Saurón de Mordor, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2018.