Ir o contido principal

O profesor Néstor Armesto integrará un grupo internacional que estudará o potencial científico dun novo acelerador de electróns no CERN

Néster Armesto é un dos físicos teóricos que integran do grupo de coordinación do LHeC
Néster Armesto é un dos físicos teóricos que integran do grupo de coordinación do LHeC
De facerse realidade, constituiría o experimento de análise da estrutura da materia de maior resolución xamais construído

O profesor do Departamento de Física de Partículas e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Néstor Armesto integrará de 2014 a 2017 o grupo de Coordinación do proxecto LHeC que estudará nos próximos catro anos o potencial científico e a posible realización técnica dun colisionador entre protóns ou ións e electróns e os seus detectores asociados, co acelerador de partículas do CERN (LHC) e os futuros aceleradores de protóns ou ións que se puidesen construír neste tempo. O grupo intégrano nove persoas, das que soamente dous son físicos teóricos, un deles o profesor Armesto. O proxecto LHeC permitirá valorar a construción dun acelerador de electróns no CERN para mediados da década de 2020. Estes electróns faríanse chocar con protóns ou ións que se aceleran actualmente no LHC, constituíndo un experimento –denominado de dispersión inelástica profunda– que permitiría tanto analizar protóns e núcleos cunha precisión nunca antes alcanzada, como examinar as propiedades do bosón de Higgs recentemente descuberto. De facerse realidade, constituiría o experimento de análise da estrutura da materia de maior resolución xamais construído. O traballo do profesor Néstor Armesto estaría vinculado igualmente coa construción dun acelerador de proba no CERN dotado dunha tecnoloxía nova, a chamada energy recovery, que se empregaría no acelerador de electróns. Néstor Armesto participa dende 2008 no desenvolvemento de diversas aspectos deste proxecto, no que tamén foi responsable do grupo de traballo de Física de baixo x, ademais de contar con múltiples traballos no campo das colisións entre ións pesados ultrarrelativistas como membro do grupo de Fenomenoloxía da USC xunto con Elena Ferreiro, Carlos Pajares e Carlos Salgado. O inicio dos traballos desta nova etapa do LHeC producirase no marco dun obradoiro os días 19 e 20 de xaneiro próximos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.12.2013.