O profesor de Princeton Germán Labrador reanuda o Foro CEA sobre o desafío das Humanidades

Enmarcada no Foro CEA ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das Humanidades’, o profesor da Universidade de Princeton (EE.UU) Germán Labrador pronunciará este xoves 23 a conferencia ‘ Culpables pola literatura. Transición, democracia, contracultura e memoria’. O relatorio será ás 12.30 horas no Centro de Estudos Avanzados (Finca Vista Alegre).
Germán Labrador é profesor do Departamento de Lingua e Cultura Española e Portuguesa da Universidade de Princeton. Os seus intereses académicos abranguen a historia literaria e cultural, estudos sobre a memoria, poesía, movementos sociais e culturas urbanas.
Algúns dos seus traballos son ‘Letras arrebatadas, Poesía y química en la transición español’ (Madrid, 2008), ‘El precio del espacio. Los desarrollos últimos del giro espacial en los estudios peninsulares y la producción del espacio en la España actual’ (2013) e ‘A democracia na praça. Dois anos de protestos na Espanha’ (2013).
O relatorio organízase nesta ocasión en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA a través do proxecto ‘Os vectores do cambio estrutural das agriculturas atlánticas ibéricas: moto-mecanización e especialización leiteira’.