O profesor e ex reitor da USC Senén Barro ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, ingresa na tarde deste mércores 14 como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. Barro sumarase á sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da Academia.
Na cerimonia, que terá lugar a partir das 19.00 horas no Pazo de San Roque, Senén Barro lerá o discurso ‘Poden pensar as máquinas?’ introducido polo catedrático de Física da materia Condensada da USC, Félix Vidal Costa.
Licenciado en Física e doutor (premio extraordinario) pola Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro foi reitor desa universidade desde 2002 ata 2010, período durante o cal impulsou o Campus Vida, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional. Foi ademais vicepresidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desde maio de 2008 a xuño de 2010.
Desde maio de 2008 é presidente de RedEmprendia, rede universitaria que promove a innovación e o emprendemento responsables, e da que forman parte 28 universidades iberoamericanas, Universia e Banco Santander.
Académico correspondente na Reial Acadèmia de Doctors, Barro foi editor ou autor de sete libros -o último deles +Universidad –Especulación (editorial Netbiblo, 2013)- e ten asinado máis de 300 artigos científicos. É ademais membro fundador de SITUM Technologies, S.A., spin-off da USC dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía móbil para o posicionamento en interiores.