O profesor Sebastián Villasante participa en dous foros internacionais no Reino Unido e en Chile
O profesor e investigador do Departamento de Economía Aplicada Sebastián Villasante participa durante este mes de maio en dous encontros internacionais, no Reino Unido e Chile, relacionados cos instrumentos económicos para a conservación da biodiversidade e a xestión dos océanos. Xunto con outros expertos das universidades de Vigo e de South California, Sebastián Villasante participa na organización dunha sesión especial sobre ‘Resiliencia e capacidade adaptativa na xestión dos océanos’ dentro da programación do 6º Congreso Mundial de Pesca que se vai celebrar en Edimburgo (Reino Unido) entre os próximos días 7 e 11 de maio. Este encontro congrega expertos de diversas disciplinas (economía, bioloxía, ecoloxía, antropoloxía...), que farán as súas achegas de alcance local, nacional e internacional en materia de servizos ambientais, cambio climático, redes formais e informais e transformacións institucionais, co fin de atopar novos enfoques e solucións potenciais á crecente presión humana sobre os mares. A seguinte cita será entre os días 15 e 17 de maio en Santiago de Chile, a onde Villasante acode como relator convidado do ‘Sub-regional Workshop on Valuation and Incentive Measures for South America’, co-organizado pola Convención sobre Biodiversidade Biolóxica e o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Neste foro, que analiza os instrumentos económicos para a conversación da biodiversidade, o docente da USC disertará sobre o papel dos incentivos económicos nas industrias acuícola, pesqueira e transformadora de América Latina e as súas potencialidades nas estratexias de desenvolvemento económico da rexión.