Ir o contido principal

O profesor Sebastián Villasante participa en dúas actividades en Chile e Edimburgo sobre instrumentos económicos para a conservación da biodiversidade e a xestión dos océanos

O profesor de Economía Aplicada Sebastián Villasante participa o vindeiro mes de maio en dúas actividades internacionais, en Chile e Edimburgo, relacionadas cos instrumentos económicos para a conservación da biodiversidade e a xestión dos océanos. Xunto con outros expertos da Universidade de Vigo e da South California, Sebastián Villasante participa na organización dunha sesión especial sobre ‘Resiliencia e capacidade adaptativa na xestión dos océanos’ dentro da programación do 6º Congreso Mundial de Pesca que se vai celebrar en Edimburgo entre os próximos días 6 e 11 de maio. Esta sesión congrega a expertos de diversas disciplinas coas súas achegas de alcance local, nacional e internacional en materia de servizos ambientais, cambio climático, redes formais e informais e transformacións institucionais que acheguen novos enfoques e solucións potenciais á crecente presión antropoxénica sobre os mares. A seguinte cita que acometerá será entre os días 15 e 17 de maio en Santiago de Chile, a onde Villasante acode como relator convidado do ‘Sub-regional Workshop on Valuation and Incentive Measures for South America’, co-organizado pola Convención sobre Biodiversidade Biolóxica e o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Neste encontro, que analiza os instrumentos económicos para a conversación da biodiversidade, o docente da USC disertará sobre o rol dos incentivos económicos na industria acuícola-pesquera-transformadora de América latina e as súas potencialidades nas estratexias de desenvolvemento económico da rexión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2012.