Ir o contido principal

O profesor da USC Alberto Ruano, único investigador galego que consegue unha das 30 bolsas Fullbright concedidas para España

O profesor Alberto Ruano no seu despacho
O profesor Alberto Ruano no seu despacho
Na súa estadía en Estados Unidos investigará o efecto molecular do radón residencial e a súa relación co cancro de pulmón

O profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña, conseguiu unha das 30 bolsas Fulbright que se concederon en España este ano para todas as áreas de coñecemento, sendo ademais a única de toda Galicia na modalidade de estadías de investigadores sénior en Estados Unidos. O programa de bolsas Fulbright, establecido polo Congreso de Estados Unidos tras a II Guerra Mundial, é un dos máis ambiciosos e selectivos do mundo. Para acceder a el hai que superar un rigoroso proceso selectivo ao que só poden optar os candidatos e candidatas cunha avaliación científica de 9 puntos sobre 10 por parte da Aneca e que, unha vez seleccionados, deberán superar unha entrevista en inglés realizada polos propios membros da Comisión Fulbright. Ruano estará tres meses na escola de Saúde Pública da Universidade de Brown, en Providence (Rhode Island, Estados Unidos). Durante a súa estadía profundará nunha liña xa iniciada previamente por el na Escola de Saúde Pública de Harvard, en 2006, sobre o efecto molecular do radón residencial e cómo a exposición a este carcinóxeno humano pode producir cancro de pulmón. Alberto Ruano Doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago, con premio extraordinario de doutoramento, Alberto Ruano posúe unha carreira investigadora intensa. Nacido en Santiago en 1974, licenciouse en Farmacia en 1997 cunha nota media superior a sobresaliente. Ao finalizar os seus estudos obtivo varias bolsas competitivas do Ministerio de Educación e do Instituto de Saúde Carlos III. Conta cun Máster en Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da USC e outro en Deseño e Estatística en Ciencias da Saúde da Universidade Autónoma de Barcelona. En 2002 comeza a traballar na Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, simultaneando esta ocupación cunha praza de profesor asociado na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Dende 2010 é profesor titular. Ruano pertence ao grupo ESPASS da USC, que á súa vez forma parte do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS), e é membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede en Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III e Grupo de Referencia Competitiva acreditado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

No ámbito investigador dirixiu 8 proxectos competitivos de investigación, sete do Instituto Carlos III e un da Xunta de Galicia. Participou en investigacións europeas e norteamericanas e publicou máis de 70 artigos en revistas con alto factor de impacto como British Medical Journal, American Journal of Epidemiology, Epidemiology, Thorax ou European Respiratory Journal. Ten no seu haber tres premios de investigación por publicacións científicas e foi coautor do Manual da Organización Mundial da Saúde sobre radón residencial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2015.