O profesor da USC Benedict Buono edita unha versión crítica do libro 'Rime' do poeta italiano Giovanni Agostino Caccia

O libro Rime, do poeta italiano Giovanni Agostino Caccia, conta cunha nova edición crítica presentada este martes na USC e asinada polo profesor Benedict Buono, do Departamento de Filoloxía Italiana e Francesa da institución compostelá. A edición presentouse na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca nun acto no que tamén interviñeron o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Silvano Crepaldi; a directora da Biblioteca Xeral, Mª Isabel Casal; e o director do centro de investigación Università del Monteregio de Novara (Italia), Silvano Crepaldi. O texto orixinal de Rime publicouse por vez primeira en Venecia no ano 1546, recollendo 181 poesías, na súa maioría sonetos, pero tamén cancións, madrigais e tercetos, ademais de dúas églogas pastorais. Como explicou o profesor Buono, esta variedade métrica reflicte a abundancia de temas tratados, aspectos directamente vinculados co petrarquimo contemporáneo, a situación política de Italia na súa época, a corrupción da corte, a hipocresía e a mesquindade da vida de provincia, a educación dos fillos e o anhelo de esperitualidade. Trátase en definitiva, segundo explica o profesor Buono, dunha “mostra significativa do petrarquismo italiano, que tanta importancia tivo na configuración da poesía europea, e non só lírica, dos séculos pasados”. A presenza na obra de cuestións tanto literarias como históricas e sociais, “obrigounos a dotar o texto dunha ampla introdución con referencias ao estilo e á lingua do autor, á súa biografía, ademais dun detallado aparato de notas críticas a todos os textos presentes na obra, dunha táboa dos metros utilizados e dun índice dos nomes citados”. Respecto do autor, Silvano Crepaldi explicou que aínda que se conservan poucos documentos relativos a Giovanni Agostino Caccia, existen “valiosos rastros nos seus versos” que permiten “ trazar o seu retrato físico, o seu carácter, a súa situación económica e familiar e, sobre todo, a súa erudición, pouco ou nada común”. Para Crepaldi se ata agora se consideraba a Caccia como o “ maior poeta novarés do século XVI” coa edición desta revisión crítica presentada na USC a súa reputación pode elevarse ata consideralo como “un dos máis importantes poetas petrarquistas do norte de Italia desa época”. Para o profesor Benedict Buono “o verdadeiro logro do libro” radica na súa capacidade para “ ser resultado non só dun esforzo científico individual, senón de colaboración entre dúas entidades culturais, unha italiana e outra galega”. Neste contexto, a obra presentada “quere enmarcarse neste longo proceso de intercambio cultural entre Italia, Galicia e España que foi e segue sendo fundamental para a configuración do que hoxe chamamos 'espazo común europeo'”, engadiu Buono.
Na actualidade unicamente se conservan seis copias deste volume en Europa, unha delas na Biblioteca Xeral da Universidade compostelá.
Detalle da obra orixinal conservada na Biblioteca Xeral