Un profesor da USC forma parte do comité editorial da revista Innovación Educativa que se distribúe por toda América
O profesor do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, Miguel A. Santos Rego, vén de ser nomeado membro do comité editorial da revista Innovación Educativa, da Secretaría de Educación Pública e o Instituto Politécnico Nacional de México. Con máis de 5.000 exemplares cada dous meses, esta publicación distribúese por todo o continente americano.
Ex director do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Miguel A. Santos Rego investiga cuestións como a pedagoxía intercultural, a educación relacionada cos fluxos migratorios, a teoría e práctica da aprendizaxe cooperativa, a pedagoxía da motivación ou a educación e competencia social no ensino universitario. Así, ademais de escribir artigos para revistas especializadas, algúns dos seus estudos son Inmigración e Acción Educativa en Galicia, publicado pola Editorial Xerais en 2003, ou Teoría y Práctica de la Educación Intercultural, editado en 1994 por PPU.