Ir o contido principal

O profesor da USC José Ramón García, novo membro académico do Centro Celso Furtado de Políticas para o Desenvolvemento

José Ramón García Menéndez
José Ramón García Menéndez

O profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC José Ramón García Menéndez vén de ser elixido membro académico do Centro Internacional Celso Furtado de Políticas para o Desenvolvemento Económico, unha institución con sede en Río de Janeiro e impulsada como homenaxe a Celso Furtado polo ex presidente brasileiro Lula da Silva para a divulgación do pensamento económico de América.

A elección deste profesor da USC como académico do Centro Internacional Celso Furtado de Políticas para o Desenvolvemento Económico, adoptouse por unanimidade dos membros do consello deliberativo do centro a proposta dos economistas Theotonio dos Santos, da Universidade Federal de Río de Janeiro, e Wilson Cano, da Universidade Federal de Campinhas. García Menéndez, que foi informado do seu nomeamento por Rosa Freire d’Aguiar, presidenta do Centro Internacional Celso Furtado de Políticas para o Desenvolvemento Económico e viúva do que fora ministro de Cultura de Brasil con Lula da Silva e impulsor das teorías sobre o desenvolvemento desde a Cepal, manifestou a súa gratitude pola distinción recibida. Destacou asemade a importancia que supón o feito de poder integrarse nos proxectos de docencia e de investigación dun centro con membros da envergadura política de Lula da Silva ou Dilma Rousseff, ou de economistas como Aldo Ferrer ou I. Sachs. A incorporación de García Menéndez ao cadro académico do Centro Celso Furtado prodúcese de xeito case simultáneo a publicación do libro ‘Democracia e política económica en América Latina’, un volume editado pola Universidade San Carlos de Guatemala e no que este profesor e investigador da USC achega un estudo crítico sobre a relación entre políticas económicas e mecanismos democráticos en América Latina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2015.