O profesor da USC Manuel Vázquez presenta dous libros sobre alimentación e nutrición na Embaixada de México

O profesor da área de Tecnoloxía dos Alimentos no campus de Lugo da Universidade de Santiago Manuel Vázquez Vázquez vén de presentar dous libros sobre tecnoloxía alimentaria e nutrición editados por Plaza y Valdés e dos que é coautor, na Embaixada de México en Madrid.
Os novos volumes nos que participa como autor Manuel Vázquez son ‘Avances en Ciencia y Tecnología Alimentaria en México’, que recolle achegas de 114 investigadores respecto de temas relativos á alimentación, nutrición e saúde, e ‘Armando A. Nutricio, el juego de la nutrición’. Esta última publicación, entendida como un libro divulgativo, inclúe un xogo de mesa orixinal para que os nenos e o seu contorno familiar poidan entender conceptos básicos de nutrición, a fin de acadar así coñecementos que lles permitan ter unha alimentación saudable e correcta. Un dos obxectivos deste traballo editorial pasa por axudar a evitar ou, cando menos, a atenuar problemas de obesidade, hipertensión, diabetes ou colesterol que afectan á sociedade actual. O profesor Manuel Vázquez, do Departamento de Bromatoloxía e Nutrición da Universidade de Santiago, fixo fincapé no acto de presentación destes libros no problema de obesidade infantil que se está a observar en moitos países de América Latina, unha realidade que se trata de evitar con iniciativas coma esta libro-xogo. A presentación destas dúas obras na Embaixada de México en Madrid encádrase dentro das actividades promovidas pola Federación Internacional para a Investigación Científica Charles Darwin, o Instituto de México en Madrid, e a Embaixada de México, desenvolvidas baixo o lema ‘ Saúde, reto global’.
O acto estivo presidido polo agregado cultural da embaixada mexicana, Francisco Robles, contou como autores convidados con karel Salcedo, da Universidade Autónoma de Chapingo (México); Silvia Padilla Lorenzo, da Universidade Autónoma do Estado de México, e Manuel Vázquez Vázquez, da Universidade de Santiago de Compostela.