O profesor Victor Millet, recoñecido co 'Gervinus-Fellowship' de Alemaña
O profesor do Departamento de Filoloxía Alemá da USC Victor Millet acaba de ser recoñecido polo Land de Baixa Saxonia co 'Gervinus-Fellwoship', unha prestixiosa cátedra para profesores convidados.
O Land de Baixa Saxonia concede anualmente, a petición das universidades emprazadas nel e en réxime de concorrencia competitiva, unha praza de profesor visitante para a área de Humanidades, denominada ‘Georg Gottfried Gervinus-Fellowship’. Este programa, financiado polo Land e a Fundación Volkswagen e que leva o nome dun ilustre filólogo decimonónico alemán, está concibido para atraer anualmente a un investigador estranxeiro altamente cualificado que poida dar novos impulsos á investigación e docencia na universidade solicitante, fortalecer grupos existentes e contribuír á formación de novos investigadores.
Co apoio da Facultade e a Reitoría, o Departamento de Filoloxía Alemá da Universidade de Göttingen propuxo ao profesor Victor Millet, destacando a súa traxectoria académica, o currículo científico así como a súa actividade internacional especialmente nun máster interuniversitario. Destacouse ademais o labor interdisciplinar levado a cabo polo profesor da USC que posibilita o traballo conxunto entre varios grupos de investigación universitarios.
A comisión científica encargada da selección concedeulle finalmente o ‘Gervinus-Fellowship’ á Universidade de Göttingen destacando a elección do profesor Millet, que o vindeiro curso impartirá nesa institución educativa alemá dúas materias da súa especialidade nun posgrao así como un curso de doutorado.
Da Universidade de Göttingen, unha das máis prestixiosas de Alemaña, saíron 44 premios Nobel, formando parte do selecto grupo de 'Universidades de elite' posto en marcha polo Goberno federal.