O profesor Xavier Castro presenta o seu último libro sobre a cultura galega do viño
Achegarse á historia cultural do viño é o que busca o profesor da USC Xavier Castro co seu último libro, artellado como un traballo de investigación histórica que emprega moitas fontes primarias, en boa parte inéditas. A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia preséntase este martes 16 ás 11:00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que ademais do autor participa o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes.
A obra, Premio Deza de investigación, incorpora dun xeito novidoso a tradición enogastronómica galega dos clásicos (Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e as achegas dos tratadistas modernos, ao que se engade a sensibilidade popular en todo o que concirne á cultura do viño. Non se relega tampouco a tradición literaria, así Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao, a literatura costumista e Valle-Inclán atópanse na obra, de xeito particular este último.
O autor detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber dos galegos, e examínanse tanto as boas maneiras como os usos populares, analizando o tránsito da bebida comunitaria (beber por quenda empregando un mesmo recipiente) a unha concepción individualista no xeito de beber. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e as expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.