O profesor Xavier Castro resume nun volume a historia da dieta atlántica

O profesor da USC Xavier Castro presentou este mércores o libro Yantares Gallegos. Historia de la dieta atlántica nun acto que, baixo a presidencia do reitor en funcións Senén Barro, tivo lugar no Paraninfo da Universidade e no que participaron ademais os expertos en nutrición, os catedráticos Aniceto Charro Salgado e Rafael Tojo Sierra, ambos os dous membros da Fundación Dieta Atlántica que edita o libro coa colaboración do Servizo de Publicacións da USC. Esta obra do historiador Xavier Castro resume con rigor histórico as características da dieta atlántica rastrexando as súas raíces a través da historia da alimentación dos galegos, dende a época castrexa ata a actualidade analizando polo miúdo a alimentación e gastronomía na Prehistoria e na Antigüidade, no medievo, no Antigo Réxime e na época contemporánea. Como colofón, o autor reflexiona sobre os valores gastroculturais galegos e o estilo de alimentación fraguado “nunha forma peculiar de convivencia”. A obra presta especial atención á situación da muller, particularmente discriminada neste terreo, “obrigada a cociñar en lareiras e cociñas de ferro e facendo da necesidade virtude para que toda a familia puidese subsistir cuns recursos moi escasos, que ás veces non ían máis aló dunhas poucas verzas, unto, touciño e papas de millo”, explica o autor. Senén Barro destaca no prólogo do libro a “importantísima” achega á historia da dieta atlántica e, en particular, á da alimentación galega do traballo de Xavier Castro, “rigoroso á vez que enormemente entretido”. A dieta atlántica A dieta atlántica componse de pescados e mariscos, sendo abundante en vexetais, froitas, hortalizas e carnes magras e complementándose coa relevante utilización de produtos lácteos e aceite de oliva. Caracterízase ademais polo emprego de alimentos de gran calidade e por unha preparación sinxela e sa, primordialmente en forma de cocción. A USC creou en 2007 a Fundación Dieta Atlántica co obxecto de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e benestar da poboación. Xavier Castro Xavier Castro Pérez, natural de Cangas do Morrazo, é catedrático de Escola Universitaria de Historia Contemporánea na USC, desempeñando o seu labor docente na Facultade de Xeografía e Historia. Acumula unha ampla experiencia docente e investigadora desenvolvida tamén en universidades de Estados Unidos e Francia. Membro da rede de investigadores europeos especializados en historia da alimentación (Institut Europeen D’Histoire de L’Alimentation), impartiu tamén cursos sobre cultura e cata do viño foi asesor histórico en varios proxectos audiovisuais (As leis de Celavella, A casa de 1906).
Entre as súas publicacións destacan O Galeguismo na encrucillada republicana (Deputación Provincial de Ourense, 1985), A lume manso. Estudios sobre historia social de la alimentación (Galaxia, 1998), Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos 1943-1954 (Galaxia, 2000), Ayunos y yantares: Usos y costumbres en la historia de la alimentación (Nivola, 2001) que foi Premio Nacional de Gastronomía ‘Álvaro Cunqueiro’ ao igual que A la sombra ejemplar de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares.
Portada do libro 'Yantares Gallegos. Historia de la dieta atlántica'