A profesora Alba Nogueira imparte unha conferencia plenaria no vixésimo congreso italiano-español de profesorado de Dereito Administrativo
A investigadora principal do grupo Armela (Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social), a profesora Alba Nogueira, impartirá unha conferencia plenaria no XX Congresso Italo-Spagnolo dei Professori di Diritto Amministrativo que ata o próximo sábado 1 de marzo se celebra en Roma. A docente do Departamento de Dereito Administrativo pronunciará unha conferencia sobre ‘Autoridades independentes e servizos públicos no sector da enerxía’. O congreso, que se celebrará na sede do Consello de Estado e a Università di Roma Tre, abordará a problemática dos servizos do sector enerxético, bancario e transporte, do papel das autoridades reguladoras e as garantías dos dereitos dos cidadáns e os intereses xerais nun contexto globalizado e de intensa liberalización. A profesora Nogueira é unha das relatoras das sesións plenarias previstas para este congreso que celebra este ano a súa vixésima edición e na que se reúnen destacados/as especialistas italianos e españois do Dereito Administrativo.