Ir o contido principal

A profesora Almudena Hospido tomou posesión como vicerreitora de Internacionalización

A profesora Almudena Hospido tomou posesión como vicerreitora de Internacionalización
A profesora Almudena Hospido tomou posesión como vicerreitora de Internacionalización

“Asumo este posto con moita enerxía pero tamén responsabilidade e coa intención clara de incrementar a visibilidade da USC tanto no exterior como portas adentro, xa que a internacionalización é un elemento transversal, un instrumento de apoio para a mellora e a eficiencias das universidades”. Deste xeito se referiu a profesora Almudena Hospido Quintana á nova etapa que inicia logo da toma de posesión como vicerreitora de Internacionalización da USC celebrado este luns en San Xerome nun acto presidido polo reitor Juan Viaño.

De cara ao futuro, a elaboración dun Plan Estratéxico e Internacionalización, “onde a internacionalización da investigación debe ter unha importancia moi significativa”, será o primeiro paso a afrontar, agardando se “materialice en fitos como o incremento das nosas taxas de éxito no Horizonte 2020 ou a consecución do galardón ‘Human Resources Excellence in Research’”, engadiu. A vicerreitora agarda incrementar “o multilingüismo e a multiculturalidade dos nosos centros o que, acompañado por un fomento e promoción da mobilidade ao exterior do noso PDI e PAS, é vital para o fortalecemento das estratexias de internacionalización na casa”.

“É preciso saírmos da área de confort e sermos capaces de atraer estudantes de ámbitos xeográficos externos aos do noso radio de influencia directa” dixo respecto da orientación das decisións que se adopten dende esta vicerreitoría. Para logralo avoga por “fortalecer a oferta docente con programas conxuntos con outras universidades estranxeiras de prestixio”, así como ampliar substancialmente a nosa docencia impartida noutros idiomas e aproveitar os mecanismos de acreditación internacional dos títulos e centros da USC.

Pola súa banda, Juan Viaño agradeceu á profesora Almudena Hospida a súa incorporación ao equipo de goberno da USC e a vontade por compartir o concepto de internacionalización como unha filosofía transversal a toda a USC e non unicamente no marco dos programas de mobilidade da comunidade universitaria. Na súa opinión, esta é unha ferramenta para poñer en valor a docencia e a investigación realizada na USC e un acicate para “alcanzar as cotas de relevancia que o noso traballo verdadeiramente requira”. O reitor reiterou o seu apoio e o do equipo que encabeza co traballo que agora asume a nova vicerreitora.

Almudena Hospido
Pertencente á primeira promoción de enxeñeiros químicos da USC, realizou diversas estanzas de investigación noutras universidades de España, Suecia, Reino Unido e Canadá. O seu traballo investigador céntrase no ámbito da xestión ambiental e en particular no desenvolvemento e aplicación da metodoloxía de Análise do Ciclo de Vida, campo no que posúe preto de medio centenar de artigos ou oito capítulos de libros.

En paralelo á súa actividade investigadora e docente foi coordinadora de Relacións Exteriores da USC. É editora da sección ‘Wastewater treatment and management’ da revista International Journal of Life Cycle Assessment ademais de revisora de diversas revistas científica de ámbitos internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2015.