Ir o contido principal

A profesora Ana María Bravo tomou posesión do seu cargo como decana da Facultade de Veterinaria

A toma de posesión celebrouse no Salón de Graos do Colexio de San Xerome
A toma de posesión celebrouse no Salón de Graos do Colexio de San Xerome

A profesora do departamento de Anatomía Patolóxica da USC Ana María Bravo del Moral tomou posesión este martes, día 11, do seu cargo como decana da Facultade de Veterinaria nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, no Colexio San Xerome. Bravo, que desempeñara o cargo nos catro anos anteriores, foi elixida tras as eleccións celebradas o pasado mes de maio, nas que a súa candidatura foi a única presentada.
A decana principiou a súa intervención lembrando que a Veterinaria é unha profesión tan antiga como a propia humanidade, cunha existencia de 5.000 anos. Logo dun percorrido polos principais fitos históricos que marcan a evolución deste estudos ao longo dos séculos, Bravo del Moral reivindicou a obriga que os centros universitarios teñen de remodelar os seus planos de estudo “como único camiño para adaptarnos aos cambios e necesidades novas que a sociedade impón aos profesionais que formamos”.
“Vivimos un momento de especial relevancia na profesión”, subliñou a profesora Bravo quen ademais engadiu os novos campos aos que deberán atender os veterinarios no futuro e que concretou en eidos como o da seguridade alimentaria, a investigación biomédica, a saúde pública ou a medicina dos animais de produción, entre outros. A este respecto, considera que “a profesión veterinaria deberá responder a todas as necesidades da sociedade”.
A pesar da necesaria atención aos novos retos, a formación clínica continuará sendo un elemento predominante na formación dos veterinarios, dixo Ana María Bravo, aínda que se requirirán outras habilidades e coñecementos como o liderado, a habilidade comercial, o coñecemento de leis, a administración empresarial, a capacidade para achegar solucións a problemas e conflitos ou para propoñer cambios e para transferir o coñecemento, entre outros.
Para o reitor compostelán, a Facultade de Veterinaria é un centro en perfecta sintonía co Espazo Europeo de Educación Superior, polos seus compromisos a prol dun ensino orientado ao alumnado, pola compoñente práctica do plano de estudos, pola súa capacidade de harmonización con Europa ou polo seu compromiso coa innovación.
Neste senso, lembrou a avaliación externa efectuada pola Asociación Europea de Establecementos de Ensino de Veterinaria, que en opinión do reitor colocan ao centro lugués como modelo e referencia de bo facer en España e en Europa. Para Barro o éxito da Facultade de Veterinaria débese á súa “intelixencia colectiva, fundamental para os grandes retos”.
Bravo del MoralAna María Bravo (1960) licenciouse en Veterinaria na Universidade de León en 1984 e doutorouse na mesma universidade en 1989. Na actualidade é profesora titular da Facultade de Veterinaria desde 1997, no departamento de Anatomía Patolóxica Veterinaria.
Participou en numerosos proxectos de investigación financiados como o estudo do impacto do vertido do buque Prestige sobre diversas especies de aves mariñas recollidas nas costas galegas. Ademais, é autora de varias publicacións en colaboración con outros autores e interveu en numerosas investigacións de especial relevancia con empresas e administracións tales como o estudio do mecanismos e xenes implicados no cancro cutáneo inducido por ultravioleta.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2008.