Ir o contido principal

A profesora da EPS Rosa Mosquera, nova presidenta do consello executivo da Federación Agroforestal Europea

Rosa Mosquera, profesora da USC na Escola Politécnica
Rosa Mosquera, profesora da USC na Escola Politécnica

A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Rosa Mosquera vén de ser nomeada presidenta do consello executivo da Federación Agroforestal Europea (Euraf), un órgano internacional que presta asesoramento á UE é do que forman parte uns 250 membros (asociacións e federacións agroforestais de carácter local, rexional e nacional) de preto de vinte países europeos.

Os cometidos da Federación Agroforestal Europea pasan por promover o emprego de árbores nas explotacións agrícolas, así como calquera outro tipo de sistema silvopastoril nas diferentes rexións amabientais de Europa, segundo lembrou Mosquera. A nova presidenta electa do consello executivo da Euraf, un ente supranacional no que esta profesora da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo xa viña desenvolvendo un cometido relevante ao longo dos últimos anos, agarda que o mandato para o que foi elixida coincida cunha maior potenciación e recoñecemento das prácticas agroforestais, un tanto esquecidas nos anteriores réximes da Política Agraria Común (PAC). A progresiva desaparición de sistemas agroforestais provocou a destrución de miles de millóns de árbores nos últimos anos en Europa, unha tendencia que Mosquera confía en que mude coa nova PAC, dado que a nova normativa xa contempla incentivos para a conservación e o mantemento de parcelas agroforestais. O grao de participación e o nivel de asesoramento que poderá prestar a Euraf á comisión europea quedará determinado nas próximas datas, cando se publicará a relación das distintas comisións e grupos de traballo que contarán con representantes da Federación Agroforestal Europea, segundo indicou Mosquera, quen defende que os sistemas agroforestais son os máis beneficiosos porque garanten un uso sostible da terra e tamén permiten gañar tanto aos agricultores como aos conservacionistas. Rosa Mosquera recoñeceu sentirse sorprendida cun nomeamento que non agardaba. Aínda así, satisfeita pola confianza recibida, a profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC confía en que a súa presidencia do consello executivo da Eurap sirva para dar unha maior visibilidade e recoñecemento internacional á Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e ao traballo que veñen desenvolvendo todo o persoal docente e investigador do citado centro universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2014.