Ir o contido principal

A profesora Eva Castro participa na primeira tradución a unha lingua moderna dun texto latino de comezos do século VII

Detalle da cuberta do libro
Detalle da cuberta do libro

A catedrática de Filoloxía Latina Eva Castro é a co autora dun traballo que representa a primeira tradución a unha lingua moderna dun texto latino de comezos do século VII. Concretamente, a docente da USC traballou xunto ao profesor da Universidade da British Columbia (Canadá) Francisco Peña na tradución e estudo do tratado escrito en latín por Isidoro de Sevilla ‘De fide catholica contra Iudaeos’, datado entre os anos 614 e 615. Esta obra tivo gran repercusión durante a Idade Media e Moderna para a fixación das posicións relixiosas e políticas do cristianismo fronte ao xudaísmo. A obra acaba de editala o Servizo de Publicacións da Universidade de Sevilla e forma parte das iniciativas desenvolvidas por membros do Departamento de Latín e Grego para difundir a vixencia dos estudos clásicos. No traballo destaca tamén a proposta realizada polos autores arredor da datación da obra e segundo o que o tratado isidoriano foi escrito antes de que o rei visigodo Sisebuto ordenara no ano 616 a conversión forzosa e bautismo dos xudeus do seu reino. Esta decisión do monarca, segundo os investigadores, foi recriminada de forma sutil por Isidoro na súa obra Historia Gothorum, da época 619-624. A xuízo dos autores, na obra agora presentada Isidoro mantívose sempre dentro dos límites da ortodoxia paulina sen avogar xamais por unha conversión forzosa como en ocasións a crítica intentou facer crer. Ademais, Eva Castro considera que o tratado Sobre la fe católica é un magnífico exemplo de como se lían e interpretaban dende inicios da Idade Media os textos da Biblia Xudía en relación aos da Biblia Cristiá. A pesar de seu carácter científico, os autores consideran que o novo volume está destinada a un público amplo, interesado non só na Idade Media latina, senón tamén na historia das relixións e das mentalidades ou nos estudos culturais occidentais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2013.